A Xunta está a construír 222 novos puntos de auga en Galicia para a loita contra os incendios forestais cun investimento de máis de 2,2 millóns de euros

Estas construcións enmárcanse nas axudas para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor)

No marco do Plan Preventivo de Galicia 2021, a Xunta tamén está a levar a cabo o mantemento dos case 4.000 puntos de auga que están repartidos estratexicamente pola xeografía galega

No Distrito Forestal IV - Barbanza existen a día de hoxe un total de 287 puntos de auga, dos cales 32 están neste municipio coruñés

O conselleiro tamén supervisou tres obras que se están a levar no monte Agudo de Xestoso -que está en consorcio coa Xunta- e que conlevan a roza e rareo dunha superficie de case 45 hectáreas para frear o avance dun posible incendio

Lousame (A Coruña), 1 de xuño de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e da alcaldesa do concello de Lousame, María Teresa Villaverde, desprazouse ata este municipio coruñés para supervisar un novo punto de auga construído recentemente pola Xunta para a loita contra os incendios forestais, que conta cunha capacidade de 192.000 litros que servirá para a carga de auga de helicópteros e motobombas. Alí, destacou que precisamente este ano se están a construír outros 222 novos depósitos en toda Galicia por un importe de máis de 2,2 millóns de euros.

Neste senso, o conselleiro sinalou que a construción destes novos depósitos enmárcase na liña de axudas que anualmente saca a Consellería para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor). Así, a orde contempla dúas liñas de actuacións, por unha parte subvencións para o control selectivo de combustible e, por outra, a construción de puntos de auga.

Ademais, salientou José González, no marco do Plan Preventivo de Galicia 2021, a Xunta está a levar a cabo o mantemento dos case 4.000 puntos de auga que están repartidos estratexicamente pola xeografía galega, co fin de estar nas mellores condicións ao inicio da tempada de alto risco.

Precisamente, salientou o conselleiro, no Distrito Forestal IV Barbanza existen a día de hoxe un total de 287 puntos de auga, dos cales 32 son neste municipio coruñés, e 2.032 en toda a provincia da Coruña. Segundo salientou José González, estas infraestruturas permiten cargar auga ás cisternas, ás motobombas e aos helicópteros que traballan na extinción de incendios polo que son “fundamentais” na loita contra os lumes.

Traballos de prevención

Durante a súa visita, o conselleiro tamén puxo en valor o resto de actuacións que contempla o Plan Preventivo que, cun orzamento duns 30 millóns de euros, permite actuar en máis de 58.000 hectáreas de monte e nuns 5.000 quilómetros de pista e vías de comunicación, entre outras accións.

Neste senso, durante a súa visita a Lousame, o titular de Medio Rural tamén supervisou tres obras que se están a levar no monte Agudo de Xestoso -que está en consorcio coa Xunta- e que conlevan a roza e rareo dunha superficie de case 45 hectáreas, entre obras das direccións xerais de Planificación e Ordenación Forestal e de Defensa do Monte. Así, trátase de diversas rozas sobre zona de rexeneración natural, baixo piñeiro, e tamén en zona alta sobre cortalumes. Tamén se están executando rareos e podas con eliminación de restos e rozas manuais en zonas próximas ás vivendas.

Doutra banda, José González sinalou que no concello de Lousame hai unha parroquia priorizada dentro do convenio subscrito entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a protección das aldeas, a de Tállara. Nela, a Xunta deulle a posibilidade aos particulares de xestionar a vexetación próxima ás vivendas por tan só 350 euros por hectárea. Neste senso, o conselleiro agradeceu o compromiso dos concellos en materia de loita contra incendios forestais, xa que son 269 os adheridos a este convenio, case o 86% dos municipios galegos.

 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 01/06/2021