A Xunta lamenta que o Goberno central insista en avaliar proxectos de parques eólicos que se atopan fóra das áreas de desenvolvemento previstas na comunidade galega

Cómpre lembrar que nos últimos meses o Goberno galego xa informou desfavorablemente un total de 35 proxectos estatais que non cumpren a condición de atoparse nunha desas áreas

A Xunta considera que é precisa unha información ambiental clara e que non sexa equívoca para os promotores
 

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia lamenta que o Goberno central continúe a insistir en que se avalíen proxectos de parques eólicos que, pola súa localización, se atopan fóra das áreas de desenvolvemento destes elementos previstas na Comunidade galega.

Cómpre lembrar que a regra xeral para instalar un parque eólico en Galicia é a de que se sitúe nunha área de desenvolvemento eólico (ADE) contemplada no Plan sectorial e, en base a isto, nos últimos meses, o Goberno galego xa informou desfavorablemente un total de 35 proxectos estatais que non cumpren a condición de atoparse nunha ADE.

En cambio, representantes da Administración central seguen trasladando á Xunta diferentes cuestións coa pretensión de que se aceleren os informes que foron solicitando para poder axilizar os proxectos destas zonas, e de competencia estatal, que queren instalarse na Comunidade.

O director xeral de Avaliación Ambiental do Ministerio para a Transición Ecolóxica, Ismael Aznar, e outros representantes do Goberno central trataron este asunto nunha reunión telemática celebrada esta semana con membros da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Na xuntanza, os integrantes do Executivo galego sinalaron que o aumento exponencial de peticións para a instalación de eólicos é unha consecuencia directa das modificacións introducidas polo Goberno central na lexislación básica estatal, que esixen que os proxectos eólicos cumpran uns prazos administrativos moi axustados. De feito, é algo que impacta día a día no volume de traballo.

A Xunta considera precisa unha información ambiental clara e que non sexa equívoca para os promotores. Nese sentido, sinala que o mapa de sensibilidade ambiental publicado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica subministra datos parciais e que poden levar a erro.

Así, por exemplo, na zona de sensibilidade máxima, na que está incluída a Rede Natura, infórmase aos promotores que os eólicos non están recomendados, cando realmente os proxectos dispostos nestas áreas en Galicia están prohibidos.

Por último, o Goberno galego incide en que a liña mantida pola Comunidade é facer compatible o desenvolvemento eólico coa protección do patrimonio natural, e por iso vaise reforzar a información ambiental que xa inclúe o Plan Básico Autonómico, co fin de engadir referencias sobre zonas incompatibles con estes elementos.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/06/2021