A Xunta abre a convocatoria para que as pemes da industria forestal participen nun programa de axudas que mobilizará 5M€ en proxectos de innovación

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá en Lugo as instalacións da empresa Maderas Besteiro

Destacou o modelo desta compañía que conxuga sustentabilidade, innovación e dixitalización para dar valor engadido aos procesos da segunda transformación da madeira

Lugo, 3 de xuño de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá en Lugo as novas instalacións da empresa Maderas Besteiro e anunciou a apertura dun programa de axudas que mobilizará 5M€ en proxectos de innovación das pemes da industria forestal, “un sector prioritario”.

Conde referiuse a Maderas Besteiro como unha empresa pioneira e referente dun modo de concibir a construción máis eficiente e sustentable grazas a un modelo que conxuga sustentabilidade, innovación e dixitalización para dar valor engadido aos procesos de segunda transformación da madeira. Con máis de 80 empregados e unha facturación de 13,3M€, esta empresa familiar de terceira xeración vén de construír unha nova nave de 1800 metros cadrados: “O impulso de proxectos estruturais en madeira cada vez terá un maior peso e esta nave é un exemplo de que a través da construción en madeira se poden desenvolver proxectos de vivendas pero tamén de naves industriais”, explicou.

Para o vicepresidente segundo esta empresa é un exemplo das capacidades desta industria para impulsar unha Galicia máis verde, pero tamén para poñer en valor o rural e cohesionar social e territorialmente a Comunidade, obxectivos que se perseguen, tamén, a través dos fondos Next Generation.

Novas axudas para o sector forestal

O vicepresidente económico incidiu no traballo da Xunta para dotar a industria forestal dos recursos necesarios que lle permitan aproveitar oportunidades neste contexto de transformación dixital e ecolóxica. Neste sentido, explicou que xa está aberto o prazo de presentación de solicitudes para acceder ás axudas dirixidas a impulsar a innovación nas pemes da industria forestal, da segunda transformación e do contract, cun orzamento de 2M€ e un investimento mobilizado de 5M€.

Poden optar a estes apoios as microempresas, pequenas e medianas empresas do sector forestal, segunda transformación e do contract radicadas en Galicia para a realización de investimentos que teñan como obxectivo aumentar a produtividade ou a implantación de técnicas que permitan obter novos produtos ou produtos valorizados. Tamén para a posta en marcha de procesos que favorezan a minoración do impacto ambiental, dirixido especificamente aos procesos produtivos da segunda transformación da madeira. A porcentaxe de axudas será do 50% dos investimentos realizados, ata un máximo de 200.000 euros por beneficiario.

A estes apoios súmanse outros 500.000 euros para formación, convocatoria que se abrirá en breve, e as axudas para tecnoloxía, comercialización e mobilización de produtos forestais, que xa pechou.

Data de actualización: 03/06/2021