Os socios do proxecto transfronteirizo Interlumes avanzan nos traballos para a posta en marcha da base aérea anti incendios e no futuro protocolo de actuación conxunta fronte o lume

O director xeral de Defensa do Monte participou, por parte da Xunta, nunha xuntanza de coordinación dos seus integrantes celebrada na localidade portuguesa de Chaves

A iniciativa Interlumes está cofinanciada co fondos Interreg e conta cunha dotación total de 9,1 millóns de euros para crear a primeira base aérea fronteiriza entre España e Portugal, que se situará entre Verín e Oímbra

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2021

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, participou na xuntanza de coordinación dos socios do proxecto transfronteirizo Interlumes que tivo lugar na localidade portuguesa de Chaves. Esta iniciativa, cofinanciada co fondos Interreg, conta cunha dotación total de 9,1 millóns de euros e permitirá a posta en marcha da primeira base aérea fronteiriza entre España e Portugal, que se situará entre as localidades ourensás de Verín e Oímbra.

Nesta reunión, os distintos participantes no proxecto avanzaron nos traballos para a posta en marcha desta infraestrutura, así como no deseño do futuro protocolo de actuación conxunta ante incendios forestais na fronteira hispano-lusa. Este será o instrumento básico para a xestión coordinada dos lumes na zona.

Os integrantes deste proxecto Interlumes son, ademais da Xunta de Galicia -representada a través da Consellería do Medio Rural-, as juntas de Castela e León e Estremadura, o Goberno portugués e as deputacións provinciais de Ourense, Pontevedra, Zamora e Salamanca.

O encontro celebrado en Chaves serviu para avaliar, así mesmo, os principais obxectivos do proxecto, que pasan -ademais de pola posta en marcha da base e pola elaboración do devandito protocolo- por reforzar e mellorar os medios materiais que os distintos socios do proxecto poidan empregar na extinción de incendios, así como por intensificar o uso de novas tecnoloxías TIC`s aplicadas á rede de vixilancia e seguridade forestal. Ademais, tamén se contemplará a formación especializada de todo o persoal que intervén na loita contra incendios a un e outro lado da fronteira e as actividades de sensibilización da poboación da área nesta materia.

Características da base aérea

A futura base aérea caracterizarase pola súa adecuación a aeronaves especializadas en extinción, tanto avións de carga en terra como helicópteros e, incluso, avións anfibios, polo que estará dotada con distintos tipos de depósitos de carga en terra.

A base, con categoría 2 de aeródromo, contará cunha superficie de 23 hectáreas e estará dotada dunha pista de 1.200 metros de lonxitude e 30 metros de ancho, con 15 metros a cada lado de superficie acondicionada. En cada extremo da plataforma de rodadura instalaranse balizas luminosas e haberá un hangar con capacidade para seis avionetas de carga en terra.

Así mesmo, ademais dunha construción duns 300 m² con estancias individuais para a tripulación, a base estará dotada de tanques de combustible cunha capacidade mínima de 40.000 litros. Tamén contará cunha motobomba para un caudal mínimo superior a 350 lts/min. Ademais, haberá equipos de extinción compostos por tres depósitos de auga e unha rede de hidrantes (bocas de incendio).

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 05/06/2021