O director do Instituto de Estudos do Territorio, Francisco Barea, reuniuse en Mondoñedo con representantes municipais da provincia

A Xunta asesora ao persoal de 15 concellos lucenses sobre a aplicación das novas Directrices da Paisaxe

Mondoñedo (Lugo), 4 de xuño de 2021
Compartir
  • whatsapp

O director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Francisco Barea, animou a 15 concellos da provincia de Lugo a implicarse e colaborar na aplicación práctica das Directrices da Paisaxe de Galicia, a primeira ferramenta deste tipo coa que conta a Comunidade e que entrou en vigor o pasado 20 de febreiro.

Así llo trasladou o director do IET a unha representación de técnicos e responsables municipais dos concellos de Mondoñedo, Abadín, A Pastoriza, Riotorto, A Pontenova, Lourenzá, Trabada, Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, O Valadouro, Alfoz e Muras, no transcurso dunha xuntanza informativa celebrada na Casa do Concello de Mondoñedo.

Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda leva dous meses celebrando este tipo de reunións para dar a coñecer a nivel local o contido das Directrices. Neste sentido, Barea sinalou que están pensadas como unha nova ferramenta de protección, xestión e conservación da paisaxe, coa que Galicia afianza a súa actual posición á vangarda do país nesta materia.

A Xunta dá valor a este tipo de encontros porque é moi importante que se coñeza o seu alcance, por canto recolle normas e directrices que deberán integrarse na totalidade de iniciativas que se promovan no territorio galego. En definitiva, búscase compatibilizar a protección e mellora da paisaxe co desenvolvemento económico de Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/06/2021