Unha ducia de voluntarios ambientais pasarán a fin de semana en Cíes realizando tarefas de limpeza de praias e especies alóctonas

Trátase dunha das 20 accións de voluntariado interxeracional nas que colaboran a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a de Política Social

Vigo (Pontevedra), 6 de xuño de 2021

As illas Cíes acollerán durante toda esta fin de semana a 12 participantes no novo programa de voluntariado ambiental interxeracional, impulsado polas consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e de Política Social. Desde onte e ata o vindeiro domingo, os voluntarios participarán en todo tipo de actividades ao aire libre e baixo a dirección e supervisión dos técnicos do propio Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.

Entre as accións programadas cómpre subliñar a eliminación de especies alóctonas presentes na illa; a limpeza de praias para a retirada de lixo mariño; a realización de tarefas de mantemento e adecuación de camiños e sinais; o apoio nas tarefas de guía e información; ou a reforestación con especies autóctonas.

Os 12 participantes confirmados pasarán os tres días na propia illa, para o que se aloxarán nas instalacións que ten en propiedade o Parque Nacional e tamén en tendas de campaña. Cómpre subliñar que esta é a primeira das dúas quendas de voluntariado que, no marco deste novo programa, se desenvolverán no arquipélago de Cíes –a segunda está prevista para a fin de semana do 20 ao 22 de agosto .

Ata o mes de outubro hai programadas en toda Galicia un total de 20 accións de voluntariado ao abeiro desta iniciativa de carácter interxeracional, que esgotou as 228 prazas dispoñibles en só tres horas e achegará aos seus participantes a 16 dos espazos naturais máis senlleiros de Galicia.

Concretamente, ademais do Parque Nacional das Illas Atlánticas (onde hai programadas accións nos catro arquipélagos), o programa de voluntariado ambiental deste ano recala tamén nos seis parques naturais de Galicia complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán; O Invernadeiro; Serra da Enciña da Lastra; Monte Aloia; Fragas do Eume; e Baixa Limia-Serra do Xurés ; nas reservas da biosfera Terras do Miño; Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo; e Eo, Oscos e Terras do Burón; nas zonas de especial conservación (ZEC) Ancares-Courel e Canón do Sil; e no Xeoparque do Courel.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/06/2021