O conselleiro do Medio Rural está a visitar diversos proxectos relacionados co agro nos concellos de Carballeda de Valdeorras e Larouco

A Xunta proporá como nova aldea modelo o lugar de Nogueiras, no concello ourensán de Carballeda de Valdeorras

Conta cun perímetro duns 13 hectáreas no que se incentivará a actividade económica mediante a recuperación dos terreos, á vez que se actúa na anticipación aos incendios forestais

A día de hoxe hai un total de 14 aldeas modelo declaradas na nosa comunidade e outras 70 solicitudes para poñer en marcha este tipo de iniciativas que recolle a nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia

En Larouco visitará diversas iniciativas promovidas polo Grupo de Desenvolvemento Rural Valdeorras e un posible proxecto de polígono agrario centrado na produción de cereixa autóctona

Carballeda de Valdeorras (Ourense), 7 de xuño de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, coñeceu hoxe o lugar de Nogueiras, no concello de Carballeda de Valdeorras, que está sendo estudado polos técnicos para convertelo na décimo quinta aldea modelo de Galicia. Na visita tamén estivo a alcaldesa deste municipio ourensán, María del Carmen González.

Alí, o conselleiro sinalou que o lugar ten un gran potencial e reúne as condicións para converterse nesta figura de mobilización de terras, recollida na nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Neste senso, falamos dun perímetro dunhas 13 hectáreas que permitirán incentivar a actividade económica arredor deste núcleo de Nogueiras á vez que se actúa na prevención e, polo tanto, na anticipación aos incendios forestais.

Nesta liña, José González lembrou que a día de hoxe hai un total de 14 aldeas modelo declaradas na nosa comunidade, das cales 10 se sitúan na provincia de Ourense e as catro restantes na de Lugo. Ademais, resaltou o conselleiro, no conxunto de Galicia hai arredor de 70 solicitudes para poñer en marcha estas iniciativas, o que demostra a boa acollida que tivo este tipo de proxectos de mobilización de terras entre a sociedade galega.

Concello de Larouco

Pola tarde, o conselleiro e a directora xeral desprazarase ata o municipio veciño de Larouco para coñecer o traballo que desenvolve o Grupo de Desenvolvemento Rural Valdeorras para dinamizar o agro desta comarca, a través das posibilidades que propicia a medida Leader.

Entre os proxectos que visitará destaca o acondicionamento das antigas escolas do municipio para reconvertelas en vivendas. Este proxecto contou cun investimento de arredor de 37.000 euros, sendo o seu obxectivo principal a fixación de poboación no rural a través da dotación de infraestruturas tan básicas como é a vivenda.

Doutra banda, cabe tamén resaltar outras iniciativas como a recuperación de dúas adegas tradicionais cun enfoque turístico, que contaron cunha achega de case 99.000 euros, para potenciar o enoturismo na zona. Precisamente este tipo de proxectos encaixa coa Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia posta en marcha pola Xunta, na que se suman sinerxías para reforzar os vínculos entre o territorio, a paisaxe, o turismo e a propia cultura vitivinícola.

Por último, os representantes do Goberno galego tamén coñecerán uns terreos nos que está previsto desenvolver un proxecto de polígono agrario centrado na produción de cereixa autóctona, un froito coñecido popularmente na bisbarra como cereixa “da alforxa”. O obxectivo deste proxecto é impulsar este cultivo e potenciar esta variedade propia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/06/2021