A Xunta estuda xa vías xurídicas para defender ante os tribunais os dereitos e os intereses dos galegos e das galegas

Valeriano Martínez explicou hoxe no Parlamento que o Goberno galego actuará con firmeza e lealdade institucional para reverter a intención do Executivo central de penalizar as herdanzas en vida en Galicia

Preto de 160.000 galegos e galegas se beneficiaron dos pactos sucesorios desde 2016

A reforma lexislativa que se está a tramitar prexudica principalmente á mocidade galega que se beneficia das herdanzas en vida para formar unha familia ou emprender unha actividade profesional

O conselleiro explicou que trata como defraudadores aos beneficiarios que transmiten os bens, atenta contra o principio de igualdade e contra o principio de neutralidade, e xera inseguridade xurídica

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2021

A Xunta xa está a estudar vías xurídicas para defender ante os tribunais os dereitos e os intereses de todos os galegos e galegas ante a reforma lexislativa que quere aprobar o Goberno central e que afecta á figura das herdanzas en vida.
Así o expuxo hoxe no Parlamento o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez en resposta a unha pregunta oral sobre as xestións que o Goberno galego está realizando para defender a autonomía financeira de Galicia. Durante a súa intervención, o conselleiro subliñou que a Xunta seguirá actuando con firmeza e lealdade institucional para reverter a intención do Executivo central de penalizar as herdanzas en vida en Galicia.
Galicia é unha das comunidades españolas con Dereito civil propio, e unha das súas principais institucións é a de formalizar ‘pactos sucesorios’ cos que se poden transmitir bens en vida nas mesmas condicións que as transmisións ‘mortis causa’. Neste sentido, Valeriano Martínez subliñou que “tan só desde 2016, preto de 160.000 galegos e galegas se beneficiaron desta modalidade”.


O titular de Facenda e Administración Pública explicou que a Xunta rexeita a modificación do artigo 36 da Lei do IRPF que está a impulsar o Goberno central a través do Proxecto de Lei Medidas de Prevención e Loita contra a Fraude Fiscal. “Coa modificación que quere introducir estamos ante unha nova ameaza do Goberno central, neste caso contra o noso autogoberno", apuntou.
Ademais, a medida prexudica sinaladamente á mocidade galega, xa que son as mozas e mozos os principais beneficiarios das herdanzas en vida para formar unha familia, emprender unha actividade profesional ou adquirir outros bens que lle permitan iniciar un proxecto de vida.
Segundo expuxo o conselleiro, a reforma lexislativa introducida polo Goberno central trata a todos os beneficiarios que transmiten os bens como defraudadores, posto que presume un comportamento fraudulento que non admite proba en contrario e crea unha auténtica ficción legal que presume sempre que o fin é fraudulento.
Tamén atenta contra o principio de igualdade ao introducir unha diferenza de trato entre herdanzas en función de se o suxeito causante ten falecido ou non; vai en contra do principio de neutralidade do sistema tributario que beneficia ás herdanzas por falecemento fronte aos pactos sucesorios sen unha xustificación obxectiva; e xera inseguridade xurídica ao non prever un período transitorio para a súa aplicación.
Finalmente, Valeriano Martínez subliñou que a reforma que prevé o Goberno “vai contra a nosa autonomía financeira, atenta contra a nosa capacidade para ter institucións de dereito civil propias, e vulnera os nosos dereitos recoñecidos na Constitución, no Estatuto de Autonomía e nas leis”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/06/2021