Galicia xa entrega lectores oculares para pacientes con trastornos neuromotores graves

A definición dunha vía clínica única para pacientes ELA garante unha primeira consulta nos servizos de Neuroloxía galegos nun prazo inferior aos 15 días

A adxudicación dunha tarxeta sanitaria AA -atención preferente-, a fixación de tempo máximos para a realización de probas diagnósticas, ou o establecemento de consultas hospitalarias de acto único son algúnhas das melloras coas que conta o sistema sanitario público galego

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, trasladou está mañá ao Parlamento de Galicia os últimos avances acadados na comunidade galega, no referente aos coidados das persoas que sofren Esclerose lateral amiotrófica (ELA), destacando a entrega de lectores oculares para pacientes con trastornos neuromotores graves.
Sobre este particular, salientou que, tal e como xa anunciara nunha recente reunión coa asociación AGAELA, o SERGAS xa comezou a dispensar lectores oculares, tras entrar en vigor o pasado mes de maio, a instrución para facer efectivas as prestacións a pacientes de ELA e outros trastornos neuromotores.
Durante súa resposta, o titular de Sanidade remarcou que o traballo desenvolto en Galicia pola Administración autonómica, en colaboración con entidades como a Fundación Francisco Luzón e a Asociación AGAELA, permitiu que se aprobara hai xa dous anos, o denominado Proceso Asistencial Integrado (PAI), unha folla de ruta específica deseñada para abordar de xeito integral os coidados das persoas afectadas pola ELA.
Na confección deste Proceso Asistencial, incluíronse un conxunto de obxectivos que na actualidade xa se cumpriron. Entre os mesmos, destaca o establecemento dunha vía clínica en cada área sanitaria para a esclerose lateral amiotrófica. Unha medida coa que se garante a primeria consulta nos servizos de Neuroloxía en menos de 15 días, e coa que se reduce en 45 xornadas o prazo recomendado polo Ministerio de Sanidade.
Así mesmo, o PAI recolle os tempos máximos recomendados para a realización de probas diagnósticas en relación coa ELA; a adxudicación dunha tarxeta sanitaria AA -atención preferente- para as persoas con ELA ou o establecemento de consultas hospitalarias de acto único para os pacientes.


O responsable do departamento sanitario da Xunta tamén lembrou que Galicia foi a primeira comunidade autónoma en toda España en incorporar os lectores oculares aos servizos de Neuroloxía dos nosos hospitais co fin de garantir a autonomía persoal dos pacientes mellorando a súa comunicación
García Comesaña subliñou que “seguiremos traballando co fin de garantirlle unha mellor atención sanitaria e unha mellora na calidade de vida aos pacientes que sofren esta enfermidade e ás súas familias”, apuntando asemade que “a nosa comunidade está identificada como unha das tres de toda España nas que se conta cun mellor modelo de atención”, segundo á Fundación Francisco Luzón.
Na procura de pór tódolos medios dispoñibles a disposición dos doentes de ELA, engadiu o conselleiro, “o Sergas conta con tres unidades específicas de ELA -no CHUAC, no CHUS e no Hospital Álvaro Cunqueiro-, dispoñendo ademais as restantes áreas sanitarias, de consultas específicas para ELA”.
Así mesmo, apuntou que o sistema sanitario galego conta con equipos que prestan atención psicolóxica específica para esta doenza nas diferentes áreas sanitarias, así como un protocolo de coordinación cos servizos sociais e as asociacións de pacientes.
García Comesaña, pechou a súa intervención salientando que, “desde a posta en marcha do PAI, estableceuse un grupo de investigación en ELA no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS)”, un dos equipos de profesionais máis numeroso de España, na procura de atopar novos avances para combater esta enfemidade.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 09/06/2021