Luis López anima aos propietarios de edificios do casco histórico de Tui a ofertar a súa venda á Xunta para destinalos a rehabilitación e alugueiro social

O delegado territorial percorre o casco vello tudense co alcalde, Enrique Cabaleiro, para informar do programa Rexurbe, que ten reservados alomenos 250.000€ para mercar inmobles do centro da vila catalogado como BIC

“Queremos recuperar os cascos antigos e cremos que esta iniciativa é unha gran oportunidade para Tui e os seus veciños, que acollen o primeiro Rexurbe da provincia”, sinala Luis López

Os interesados poden presentar a súa proposta ante o IGVS ata o 9 de xullo e, de aceptarse, o edificio será restaurado pola Xunta e logo devolverase ao mercado en réxime de protección

Tui, 9 de xuño de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, animou este mediodía aos propietarios de edificios do casco histórico de Tui a ofertar a súa vivenda ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para destinalos Á súa rehabilitación e posterior alugueiro social ao abeiro da nova convocatoria do programa Rexurbe.
O representante autonómico presentou esta iniciativa durante un percorrido polo casco vello tudense xunto ao alcalde, Enrique Cabaleiro, e revelou que este organismo, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Vivenda e Territorio, ten previsto destinar alomenos 250.000 euros a mercar inmobles do conxunto histórico de Tui, aínda que a cantidade podería ampliarse en función das ofertas.
"A Xunta de Galicia quere recuperar os cascos antigos, dinamizalos e impulsar a súa vida residencial, social e económica, polo que cremos que o programa Rexurbe é unha gran oportunidade para Tui e os seus veciños, xa que poden revitalizar a súa zona vella con esta iniciativa, que chega por vez primeira á provincia de Pontevedra", sinalou Luis López.
O delegado territorial explicou que os propietarios de edificios situados na área de conxunto histórico catalogada como Ben de Interese Cultural (BIC) poden presentar as súas ofertas de venda ante o IGVS ata o vindeiro 9 de xullo, xusto dentro dun mes. En caso de aceptarse, a Xunta procedería á súa restauración integral e posteriormente devolveríao ao mercado en réxime de protección baixo o formato de alugueiro social.
Esta actuación, que xa foi informada hai algo máis dun mes na propia vila tudense polo director do IGVS, Heriberto García, pretende dar continuidade ao proceso iniciado, o pasado ano, coa compra do inmoble número 20 da rúa Obispo Castañón para a súa reforma e posta a disposición da cidadanía en formato residencial.
A Xunta de Galicia puxo en marcha o programa Rexurbe no ano 2017 e xa conseguiu rematar as primeiras rehabilitacións en Betanzos e Ferrol, mentres que na actualidade avanza nas de Lugo, Vilalba, Mondoñedo, Viveiro, Ourense, Ribadavia e A Coruña. Ata a data, a Consellería de Vivenda xa adquiríu, ao abeiro desta iniciativa, un total de 76 inmobles en nove localidades que permitirán poñer no mercado 131 Vivendas de Promoción Pública (VPP).
Ademais, na reunión, o delegado reiterou a posibilidade de que a Administración local solicite a declaración dunha Área Rexurbe na localidade, para o cal trasladou a axuda da Xunta de cara a resolver as dúbidas e preguntas que xurdan.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/06/2021