A Xunta defende un desenvolvemento do sector eólico que faga compatible a actividade económica co respecto ao medio ambiente

Conde destaca que o 77,5 por cento do territorio galego está blindado fronte á instalación de parques eólicos

Apunta que a Administración autonómica xa leva emitido un informe negativo sobre 36 proxectos eólicos que tramita o Goberno central, que suman máis de 2600 MW de potencia

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2021

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe que a Xunta defende un desenvolvemento do sector eólico que faga compatible a actividade económica co respecto ao medio ambiente. Segundo precisou, o 77,5 por cento do territorio galego está blindado fronte á instalación de parques eólicos.
No Pleno do Parlamento, Conde remarcou que, desde 2009, a Xunta non autorizou a posta en funcionamento de ningún novo parque eólico en espazos declarados de especial protección para formar parte da Rede Natura. E apuntou que a Administración autonómica xa leva emitido un informe negativo sobre 35 proxectos eólicos que tramita o Goberno central, que suman máis de 2600 MW de potencia, por estar fóra das áreas de desenvolvemento eólico.
O vicepresidente económico destacou que o Goberno galego avoga pola transparencia e a colaboración institucional, e defendeu que o marco regulatorio é extraordinariamente garantista, polo que ningún proxecto pode saír adiante sen os informes preceptivos favorables. Isto, dixo, garante un desenvolvemento ordenado da enerxía eólica en Galicia, coas máximas garantías técnicas, xurídicas e ambientais.
Grazas á Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, engadiu, refórzase a máxima de que non se poden implantar parques eólicos fóra das áreas de desenvolvemento do Plan Sectorial Eólico de Galicia, coa única excepción daqueles proxectos que teñan unha clara incidencia a nivel territorial, pola súa entidade económica e social e pola súa función vertebradora.
Conde defendeu que a industria eólica abrangue máis de 7000 postos de traballo directos e indirectos cunha achega de 581,4 millóns de euros ao PIB de Galicia. É un sector que demanda, ademais, bens e servizos a sectores da economía galega. De feito, nas últimas tres décadas, na comunidade desenvolveuse unha importante industria auxiliar ao redor dos proxectos eólicos, asociada ás actividades de fabricación de equipos e compoñentes, reparacións, montaxes eléctricos, servizos de enxeñaría, construción, operacións de control e mantemento, consultaría medioambiental ou transporte.

Sector da automoción

Preguntado polo futuro do sector da automoción en Galicia, o vicepresidente económico subliñou que a Xunta traballa para conseguir que sexa un referente no desenvolvemento da mobilidade do futuro. Neste sentido, lembrou que a candidatura galega aos fondos Next Generation inclúe 32 proxectos neste eido que mobilizarían ao redor de 1800 M€: 11 privados e 21 públicos.
Non obstante, tamén puxo de manifesto que a política enerxética que precisa a industria de automoción é a conexión de Vigo á rede de transporte de 220kV; unha iniciativa prioritaria para garantir a competitividade da planta de Balaídos, cunha subministración eléctrica axeitada e uns custos máis baratos pero tamén para o resto de industria de cidade e área de influenza. Por iso, a Xunta xa solicitou ao Goberno recuperar este proxecto na planificación de Rede Eléctrica para o período 2021-2026.

Data de actualización: 09/06/2021