O DOG publica a nova orde de respiro familiar con axudas de ata 1500 euros para estancias en residencias e de 1000 para o pago dun coidador no fogar

O Goberno galego inviste 600.000 euros para facilitar o descanso dos coidadores habituais de persoas dependentes ou con discapacidade

A partir de mañá poderase acceder a esta axuda ao presentar a factura do servizo recibido

Será posible xustificar estancias temporais desde o 1 de xaneiro deste ano, sempre e cando se conte cun informe do traballador social

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova orde de Respiro familiar co que persoas dependentes ou con discapacidade realizan estancias temporais en residencias que facilitan o descanso dos seus coidadores habituais. Este programa financiará o 100% dunha estadía en calquera centro residencial de Galicia sen límite de tempo e ata un máximo de 1500 euros; ou achegará un máximo de 1000 euros para aboar o custe dun coidador no fogar.

O Goberno galego inviste 600.000 euros nesta convocatoria con trámites máis simples para facilitar a súa solicitude. Deste modo, elimináronse o límites de renda, o custo da praza da residencia e xa non haberá os 15 días de duración máxima que recollía con anterioridade a orde.

A partir de mañá e ata o 30 de novembro poderase acceder a esta axuda da Xunta de Galicia ao presentar a factura do servizo recibido. Poderanse xustificar estas estancias temporais desde o 1 de xaneiro deste mesmo ano, sempre e cando se conte co correspondente informe do traballador social que o acredite.

O principal obxectivo é facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral dos coidadores. Poderase acceder á axuda se a persoa ou persoas que ela atende son residentes na Comunidade. Ademais, a persoa á que atende debe ter recoñecida un grao II ou III de dependencia, ou ben, ter acreditado mediante informe médico e social a necesidade axuda de terceiros para actividades da vida diaria.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/06/2021