‘Agochar a memoria nalgures’ reflexiona sobre o s. XXI a través da poesía e co apoio da Xunta

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañou a José Julio Fernández Rodríguez no acto da presentación da obra, incluída no Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou onte no acto de presentación do libro Agochar a memoria nalgures, no que o escritor e profesor José Julio Fernández Rodríguez reflexiona a través da poesía sobre as dificultades ás que nos enfrontamos as persoas no contexto do S. XXI. A obra conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021.
Valentín García saudou a nova publicación e felicitou o autor que pon de novo “en branco sobre negro interesantes e tan acertadas reflexións nas que talvez moitos e moitas de nós pensamos nesta última etapa complicada que nos tocou vivir”, destacando ademais “a riqueza e diálogo lingüístico que ofrece a obra ao longo dos seus versos”.
Canda eles, tamén participaron no acto, que acolleu o claustro do Pazo de San Roque, o filósofo e pintor Alfonso Iglesias Zamar e os bailaríns Sofía Fernández e Alex G. Canal, do Espazo de Danza Universidade de Santiago de Compostela (USC)

Versos e ilustracións do autor

Agochar a memoria nalgures sae do prelo de Edicións Fervenza e ofrece un conxunto de reflexións poéticas sobre as dificultades que o século XXI supón para as persoas, levadas polo baleiro das redes dixitais, polas incertezas do futuro que está preto e pola aniquilación de feitos que antes nos acompañaban. A conclusión non é doada: obrígannos a unha loita suplementaria que ás veces non somos quen de artellar. Entón, protexer e agochar a nosa memoria convértese nunha tarefa ardua.

A narración descorre de modo lineal e sen seccións formais, no marco de certos sucesos físicos e contornas naturais. A lingua galega destes versos tamén acubilla algunha frase e expresión noutros idiomas occidentais para amosar un diálogo simbólico nestes tempos imprevisibles e de mudanza. Para dotar de maior simbolismo e expresión ao poemario, os versos de Agochar a memoria nalgures flutúan entre ilustracións lineais elaboradas polo propio autor, José Julio Fernández.

O autor

José Julio Fernández Rodríguez é profesor de Dereito Constitucional na USC, onde desempeña diversos cargos académicos. Ocupou o cargo de Valedor do Pobo entre os anos 2007 e 2015. Ao marxe da súa actividade de investigación no eido universitario, cultiva o mundo literario, onde xa publicou distintas obras de poesía, como Feitizo crepuscular, e narrativa, como Astropal. Un cometa con corazón, Clara e o rapto do solpor ou O cirrio e o dron. Foi tamén autor de diferentes guións de produtos audiovisuais e desenvolve tamén outras facetas creativas experimentais no ámbito da pintura e do debuxo, das cales poden verse mostras no poemario presentado hoxe.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/06/2021