A Xunta convoca a IV edición do premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea

O galardón, cunha dotación económica de 3.000€, busca promover a produción de pensamento sobre esta materia en lingua galega

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia vén de convocar a cuarta edición do Premio CGAC de Investigación e Ensaio sobre a arte cuxo obxectivo é, a través dun premio único de 3.000 euros, promover o coñecemento e o acceso do público á arte contemporánea nas súas diversas manifestacións, así como favorecer a comunicación social das artes plásticas.

Tal e como recollen as bases do galardón publicadas no Diario Oficial de Galicia, poderá optar a este premio calquera persoa física, maior de idade, que presente textos inéditos escritos en galego segundo a normativa vixente e que estean relacionados con labores de investigación e produción de pensamento en arte contemporánea. Así pois, os traballos serán de temática libre, sempre que versen sobre esta materia e terán un carácter divulgativo.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o próximo 30 de setembro. Neste período os interesados deberán facer entrega dun texto de entre 150.000 e 450.000 caracteres, incluídos espazos, no que se evite a utilización dunha linguaxe e unha estrutura excesivamente académica. Ademais, na portada do texto debe figurar só o título do traballo sen que exista ningunha referencia que poida identificar a persoa participante e, polo tanto, que rompa o anonimato.

Os traballos presentados serán valorados por un xurado que estará composto por un máximo de cinco persoas e presidido polo director do Centro Galego de Arte Contemporánea. Entre os requisitos que valorarán os membros do xurado destaca a orixinalidade do enfoque e os elementos de innovación e creativos que achegue, a singularidade da perspectiva histórica ou metodolóxica ou a calidade literaria do texto.

Gañadores das edicións anteriores

A través da convocatoria deste premio a Consellería de Cultura, Educación e Universidade busca promover o coñecemento e favorecer o acceso do público á arte contemporánea, así como impulsar a comunicación social nesta área. Na última edición, o galardón recaeu sobre Laura Calvo, graduada en Historia da Arte, pola obra orixinal Memoria do Azul, un texto no que a autora traza un itinerario polos diversos ámbitos da creación contemporánea a través do uso da cor azul como monocromo que establece simbolismos e sinestesias.

Laura Calvo súmase así aos autores premiados nas primeiras edicións: o artista Rosendo Cid, pola súa reflexión acerca da práctica artística contemporánea titulada A arte está feita dunha materia incerta e fragmentaria, e a crítica, investigadora e comisaria María Marco, polo orixinal Tigres en magnolias. A maxia como transformación na arte contemporánea.
 

Data de actualización: 10/06/2021