Política destina máis de 200.400 euros para o desenvolvemento dos programas de inclusión social da Asociación de Mulleres en Igualdade de Burela

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou esta mañá a sede do colectivo, onde destacou o traballo conxunto que se está a realizar coas entidades para axudar ás persoas máis vulnerables

Entre as iniciativas postas en marcha por esta agrupación atópanse as destinadas ao apoio sociolaboral e transición ao emprego

Burela (Lugo), 10 de xuño de 2021

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou hoxe a Asociación de Mulleres en Igualdade de Burela, onde se achegou aos diferentes programas levados a cabo por esta agrupación, aos que a Xunta achegará este ano máis de 200.400 euros. Durante o acto salientou, así mesmo, a importancia do traballo conxunto que o Goberno galego está a realizar coas entidades sociais para apoiar ás persoas máis vulnerables.

Arturo Parrado aproveitou a visita para coñecer de primeira man as actividades que se realizan e as aulas de formación nas que se desenvolven. Concretamente tivo a oportunidade de asistir a unha das iniciativas sobre a preparación teórica do carné de conducir tipo B, enmarcada dentro do servizo de apoio á inclusión sociolaboral e transición a o emprego.

Competencias básicas dixitais e comprensión oral nas linguas oficiais de Galicia

Do total da axuda que a Xunta de Galicia achegou á Asociación de Mulleres en Igualdade de Burela a través da última convocatoria de entidades 2020-2022, 51.000 investíronse no apoio á inclusión básica, mentres que máis de 81.600 destínanse aos programas de apoio á inclusión sociolaboral e transición ao emprego. Entre outras iniciativas ás que se concederon subvencións atópanse as que buscan a alfabetización oficial e comprensión oral nas linguas oficiais de Galicia, o de competencias básicas dixitais, ou o de mediación social e intercultural, entre outros.

Ademais da convocatoria de entidades, o Goberno galego achegou a través do 0,7% do IRPF máis de 76.000 euros para a posta en marcha de dous programas: Emprega: formación, traballo e igualdade; a túa liberdade, ao que se destinaron 40.000 euros, e Inserta: formación e emprego, que se financiou cunha partida de 36.700 euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/06/2021