A Xunta organiza en Salvaterra de Miño un simulacro de incendio forestal para ensaiar o sistema operativo de emerxencias na provincia de Pontevedra

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva e os delegados territoriais da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e Pontevedra, Luis López, participaron hoxe no simulacro de “Activación da Situación 2” por un incendio forestal en Salvaterra de Miño

Máis dun cento de efectivos e medios terrestres e aéreos participaron no exercicio para comprobar a coordinación e mellorar a resposta dos operativos mobilizados
 

Salvaterra do Miño (Pontevedra), 10 de xuño de 2021

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o delegado en Pontevedra, Luis López, participaron esta mañá no simulacro de Activación da situación 2 en Salvaterra de Miño na provincia de Pontevedra dende o Centro de Coordinación Operativo (CECOP) que, ante a evolución desfavorable, trasladouse á área do incendio.

Santiago Villanueva destacou que con este exercicio trátase de simular unha emerxencia provocada por un incendio forestal próximo a unha zona de vivendas e infraestruturas de comunicacións que obriga a declarar a situación 2. Deste xeito, con este exercicio, no que participaron máis de 100 efectivos e medios terrestres e aéreos, preténdese comprobar que os procedementos de traballo e os medios humanos e materiais, operasen con total coordinación. O resultado foi positivo por parte de todos os axentes participantes.
Neste simulacro, os participantes adestraron ademais actividades que desenvolverán os grupos operativos como os aloxamentos da poboación, os cortes de estradas, a atención aos feridos, pautas de extinción, traslado dos medios e a xestión das fichas de control de medios.

Estes exercicios contribúen a reforzar a coordinación e mellorar a resposta do dispositivo fronte ao lume e todos os profesionais actúan baixo o mando único da Xunta, tal e como establece o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga).

O simulacro comezou ás 09,00 horas, e baseouse nun suposto lume na beira dunha pista asfaltada que discorre dende o lugar de Ponte Cordeiro cara ao Sur, afectando ó núcleo de Ramallás e ó polígono Industrial de Salvaterra do Miño, que podería poñer en perigo este núcleo de vivendas.

Inicialmente, activouse o Plan Especial de Protección Civil ante Emerxencias por Incendios Forestais na Comunidade Autónoma de Galicia (Peifoga), en situación 0, e posteriormente dada a evolución do lume pasouse a situación 1 e a situación 2, activándose o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2021) coa mobilización dos diferentes Grupos Operativos.

A activación foi decretada pola delegada territorial da Xunta de Galicia Vigo, directora do plan, participando no Comité Asesor a alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, o xefe territorial de Medio Rural Pontevedra

No simulacro interveu persoal e medios do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (Spdcif), brigadas contraincendios e motobombas, así como Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), Bombeiros Municipais de Ponteareas, Bombeiros Comarcais do Porriño e Bombeiros Voluntarios de Monçáo, Garda Civil, Policía Autonómica, 061, persoal da subdelegación do Goberno e persoal e medios da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e da Axega.

O Posto de Mando Avanzado (PMA) e o Centro de Recepción de Medios (CRM) estableceuse no Centro Cultural Casal de Salvaterra. Durante o simulacro realizáronse accións relativas á evacuación das vivendas e posterior aloxamento dos mesmos e cortes nas estradas.

Ás 13.30 horas a situación do simulacro do lume deuse por controlada, sen perigo para as persoas e os bens, dándose por desactivada a situación 2, coa finalización do exercicio.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/06/2021