A Xunta destina case 900.000 euros a impulsar catro novos viveiros de empresas na provincia de Lugo

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que os concellos de Paradela, O Corgo, Monforte de Lemos e Bóveda habilitarán espazos para poñer a disposición de emprendedores co apoio do Goberno galego

Arias visitou o polígono de Paradela, onde está previsto o acondicionamento e equipamento interior dunha nave para ofertar locais a novas empresas que queiran dar os seus primeiros pasos neste municipio

Paradela (Lugo), 10 de xuño de 2021

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación vén de aprobar a concesión de axudas por valor de case 900.000 euros para impulsar catro viveiros de empresas nos concellos de Paradela, O Corgo, Monforte de Lemos e Bóveda.
Así o anunciou hoxe o delegado territorial da Xunta Lugo, Javier Arias, no transcurso dunha visita ao polígono de Paradela acompañado polo alcalde, José Manuel Mato, para coñecer a nave que acondicionará o Concello co fin de que novos emprendedores se asenten neste municipio.
A Administración galega destina 240.000 euros a apoiar a reforma e equipamento interior do recinto, que está distribuído en cinco departamentos repartidos en dúas plantas. Os locais son susceptibles de xestión independente e as súas dimensións van dos 173 aos 373 metros cadrados.
O obxecto é crear espazos funcionais que conten con moita superficie diáfana e dispoñan de recepción, vestiarios e aseos, entre outros servizos, para ofertalos a novas firmas que dean os seus primeiros pasos neste polígono.
“Esta medida da Xunta busca apoiar aos novos empresarios nas etapas iniciais da súa actividade”, sinalou Arias, quen explicou que as achegas cubren ata o 80% do investimento cun límite 240.000 euros por solicitude, co fin de financiar actuacións de construción, reforma ou equipamento interior de naves industriais realizadas polos concellos. En canto aos demais municipios lucenses beneficiarios nesta convocatoria, O Corgo percibe 240.000 euros, Monforte de Lemos 197.900 euros e Bóveda 192.000 euros.
O Goberno galego promove outros programas de axudas dirixidos a entidadades locais para financiar actuacións de mellora nos polígonos industriais co fin de aumentar a súa competitividade, como a liña para acondicionar e modernizar infraestruturas nestas áreas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/06/2021