Os protocolos para os espectáculos ao aire libre actualízanse en base ao diálogo co sector e a boa evolución epidemiolóxica

Amplíase o aforo máximo dos espectáculos de pé ata un máximo de 5.000 asistentes, e estará permitido habilitar zonas específicas para consumir alimentos e bebidas nos recintos

As pautas, que evolucionarán en base as medidas sanitarias vixentes, permitirán reactivar a celebración de concertos, festivais, verbenas e eventos musicais con garantías

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2021

Os protocolos para a celebración de espectáculos ao aire libre, avanzados pola Xunta de Galicia hai unhas semanas, veñen de ser actualizados en vistas á positiva evolución epidemiolóxica e froito do diálogo co sector. Os conselleiros de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e de Sanidade, Julio García Comesaña, xunto co director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e representantes do sector cultural, presentaron hoxe as principais novidades que permitirán que eventos como concertos, festivais ou verbenas volvan celebrarse coas máximas garantías sanitarias.

Trabállase con dous escenarios segundo o formato do evento: de pé ou sentados. En ambos os casos, os espectáculos deberán realizarse ao aire libre, en espazos perfectamente acoutados sen que se permita o uso de carpas, agás as necesarias para os escenarios. Todos deberán contar con rexistro de asistentes e venda e reserva de entrada por adiantado e habilitarase un espazo para persoas que presenten síntomas covid. As agrupacións de persoas quedarán limitadas ao indicado na normativa sanitaria vixente, no que se refire á limitación da permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados e durante a celebración destes eventos deberán manterse as medidas de seguridade que mantemento da distancia interpersoal, hixiene de mans e uso de máscara.

Os principais cambios establécense nos espectáculos co público de pé onde estará permitido comer e beber no recinto e o límite máximo de asistentes amplíase aos 5.000, fronte aos 1.000 que se barallaban nun primeiro momento. En todo caso, a capacidade máxima estará sempre condicionada pola situación epidemiolóxica, podendo variar entre 1.000, 2.000 ou 5.000 persoas de máximo. Ademais, o aforo máximo permitido será sempre do 33% da superficie útil do recinto.

Nestes eventos, o lugar estará sectorializado de maneira que se establecerán grupos dun máximo de 500 persoas cada un, que terán os seus propios servizos (por exemplo, aseos), así como os seus circuítos de entrada e saída e, ademais, estará permitido consumir alimentos e bebidas, pero só nas zonas especificamente habilitadas. Deste xeito, poderase incluír unha zona de consumo de alimentos e bebida delimitada e debidamente dimensionada para o público que reciban, sempre garantindo que non se producen aglomeracións. Os asistentes só poderán quitar a máscara para o momento específico do consumo.

Para os espectáculos ao aire libre sentados, o aforo máximo será de 10.000 persoas con asentos xa debidamente preestablecidos. O aforo máximo permitido será o 50% da capacidade máxima de persoas sentadas en condicións normais. Tamén se sectorializará o recinto, neste caso en sectores dun máximo de 1.000 asistentes que funcionarán como grupos, cos seus propios servizos, así como circuítos de entrada e saída propios. Os asistentes tamén poderán consumir alimentos e bebidas neste caso tanto na zona especialmente habilitada como, de xeito excepcional, a través dun servizo itinerante aos asistentes sentados, sempre que se garanta a separación entre os distintos grupos de convivencia en todas as direccións.

Con estas medidas, facilitarase a reactivación de eventos musicais de xeito seguro nun momento clave como este Xacobeo 21-22, ofrecendo certezas a organizadores, público e traballadores.

No acto estiveron presentes representantes de entidades como Es Música, a Asociación de Festivais, a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), a Asociación Galega de Orquestras (AGO) ou Asociación de Empresarios da Música da Verbena Galega.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/06/2021