A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse esta tarde co máximo representante do municipalismo galego, Alberto Varela

A Xunta pide apoio á Fegamp para evitar que o Estado adiante dous anos a recollida dos biorresiduos nos concellos de máis de 5.000 habitantes

Ángeles Vázquez considera “totalmente imposible de cumprir” en menos de seis meses a proposta do Goberno central “porque os concellos terían que adaptar os seus contratos e porque non terían a onde levar ese residuo”

Lamenta que o anteproxecto da Lei de residuos estatal tamén introduza novidades importantes con relación á fiscalidade do lixo sen contar coa opinión das administracións competentes na materia

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo hoxe unha reunión co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, para falar sobre o futuro da xestión dos residuos domésticos na Comunidade, un encontro que aproveitou para trasladarlle a inquedanza da Xunta ante algunhas das novidades que quere introducir o Goberno na futura Lei de residuos tanto en relación coa xestión da fracción orgánica, como coa posible creación de novos impostos.

En concreto, referiuse á intención do Executivo central de adiantar en dous anos respecto do calendario fixado pola UE —ao 31 de decembro deste ano— a obriga de recoller separadamente os biorresiduos nos concellos de máis de 5.000 habitantes. Por este motivo, solicitou o apoio da Fegamp á hora de esixir ao Goberno que rectifique e harmonice o contido da lei estatal aos criterios comunitarios, que fixan como prazo límite para a implantación desta medida o 31 de decembro de 2023.

Tras lembrar que a xestión dos residuos domésticos é unha competencia municipal, Ángeles Vázquez lamentou que, unha vez máis, o Estado chegue tarde cunha norma que xa debería estar en vigor e, ademais, actúe sen contar coa opinión nin coordinarse coas administracións locais nun asunto tan sensible como a xestión dos residuos.

Así, considerou “totalmente imposible de cumprir” a proposta do Goberno central para implantar, en menos de seis meses, a recollida selectiva dos biorresiduos nos concellos de máis de 5.000 habitantes, que son 113 en Galicia.

“Primeiro, porque os concellos, que son os que teñen a competencia, terían que adaptar os seus contratos a esa recollida separada e, en segundo lugar, porque non terían a onde levar ese residuo”, indicou Ángeles Vázquez, que insistiu na necesidade de que os concellos reivindiquen “que é imposible facer as cousas así” e traballen unidos coa Xunta.


Así mesmo, a conselleira tamén expuxo que o anteproxecto da Lei de residuos prevé incrementar a carga fiscal relacionada cos residuos. Neste sentido, explicou que, por unha banda, a proposta estatal inclúe a creación dun imposto para gravar o depósito en vertedoiro (tanto o vertido directo como o derivado dos rexeitamentos procedentes do pretratamento do lixo) e polo outro, un imposto que penalizaría ás instalacións de valorización enerxética R1, que se caracterizan pola súa alta eficiencia.

“Non estamos de acordo coa presión fiscal que quere impoñer o Goberno central. Esa non é a vía. Quen o fai ben, debe ser premiado, e así é como o levamos facendo en Galicia durante os últimos anos bonificando o 10% do canon de Sogama aos concellos que son capaces de frear o incremento dos residuos”, declarou a conselleira, que cifrou en 13 millóns de euros a contía que terían que pagar os galegos se prosperan estas medidas fiscais.

Lei galega de residuos

Por iso e fronte á actitude do Estado, lembrou que a Lei de residuos e solos contaminados de Galicia, aprobada o pasado febreiro, supón unha ferramenta moderna e en liña coas directrices da UE, primando a prevención e a xerarquía na xestión dos residuos e definindo mecanismos efectivos para reducir o desperdicio alimentario e loitar contra os plásticos dun só uso, dous dos grandes retos da axenda europea.

Na mesma liña, a conselleira explicou que tendo en conta que a finais de 2023, como marca Europa, todos os concellos deberán ter implantado o chamado quinto contedor —de cor marrón e destinado á recollida da materia orgánica—, a Xunta de Galicia ten comprometidos xa máis de 50 millóns de euros para mellorar e garantir, da man dos concellos, unha xestión axeitada dos biorresiduos na Comunidade.

Deste orzamento, subliñou que 25 millóns se destinarán a construír tres novas plantas de compostaxe en Vilanova de Arousa, Cervo e Verín, que estarán operativas a finais do próximo ano e se sumarán á xa existente en Cerceda; e tamén se referiu ás actuacións previstas para mellorar e adaptar o funcionamento das 13 plantas de transferencia de Sogama para que poidan tratar a fracción correspondente ao quinto contedor.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/06/2021