A Xunta cofinanciará o acondicionamento de espazos medioambientais e deportivos en Guntín

Ángeles Vázquez adianta que o seu departamento achegará un 70% do custe da actuación

Grazas a este proxecto se reformará a piscina municipal e outras instalacións deportivas do concello, que avanza un paso na súa transformación en municipio sostible

Recorda que Guntín é un dos concellos galegos que apostou pola redacción dun Plan Básico Municipal para ordenar o seu territorio
 

Guntín (Lugo), 12 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia cofinanciará o acondicionamento de espazos medioambientais e deportivos no Concello de Guntín. Así o ratificaron esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa, María José Gómez, que asinaron un acordo de cooperación para beneficiar aos 2.600 veciños do municipio.

O convenio prevé un orzamento de case 100.000 euros para o desenvolvemento dos traballos, e dos que a Xunta abonará o 70%, mentres que o Concello deberá dispor o 30% restante.

En base a esta colaboración, levarase a cabo unha reforma da piscina municipal e doutras instalacións deportivas para mellorar este tipo de servizos e habilitar espazos nos que os veciños poidan levar a cabo unha actividade deportiva e unha vida activa con todas as garantías.

Os traballos tamén implicarán a mellora da urbanización e da accesibilidade a este tipo de centros ou instalacións deportivas, traballos que permitirán definir zonas de encontro para os veciños.

Tanto a conselleira, como a alcaldesa, destacaron que impulsar este tipo de proxectos é apostar e ofrecer alternativas de ocio para os veciños, habilitando espazos nos que convivir e interactuar, e sobre todo porque os converte nun municipio sostible, que aposta polo equilibrio entre os usos dos espazos naturais e a súa conservación.

Asemade, destacou que este esforzo tamén é un aliciente para que Guntín se converta nun concello que ofrece un modelo de turismo sostible, sen aglomeracións, con servizos de calidade.

Por último, a conselleira salientou a aposta de Guntín por converterse nun concello cun urbanismo ordenado e recordou que na actualidade xa se están a realizar os voos aéreos para cartografar a superficie municipal, 154 km2, e obter un material gráfico necesario para iniciar a redacción do seu Plan Básico Municipal. Guntín é un 18 concellos que apostaron por esta ferramenta de ordenación, dos cales os da primeira fase (9) xa están a redactar o plan, mentres que outros nove –entre os que se atopa Guntín- avanzan cos primeiros traballos do mesmo, como é a obtención da cartografía.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/06/2021