Trenor e a Federación Galega de Comercio presentan na Coruña a nova edición dos "Días Azuis"

As persoas que merquen no comercio galego poderán participar ata o vindeiro 30 xuño no sorteo de 64 tarxetas prepago de 150 e 250 euros para as súas compras

A iniciativa permite completar o plan de medidas específicas de apoio ao sector do Executivo autonómico, no que se inclúe o Bono Activa Comercio

A Coruña, 11 de xuño de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, presentaron hoxe unha nova edición da campaña Días Azuis do comercio galego, que se organiza en colaboración con Abanca, e que se celebrará ata o vindeiro 30 de xuño. No acto tamén estiveron presentes representantes de distintas asociacións de comerciantes da cidade.
Neste marco,o representante do Goberno galego destacou o compromiso do Goberno galego co comercio de proximidade, ao que considerou clave para a dinamización económica das vilas e cidades tras un ano difícil marcado pola covid-19.
Unha iniciativa que, tal e como indicou, permite completar o plan de medidas específicas de apoio ao sector posto en marcha polo Executivo autonómico, entre as que se inclúe o Bono Activa Comercio, que ofrece 30 euros de desconto para compras en establecementos locais. En canto o número de establecementos adheridos na cidade da Coruña son 463 e na provincia 2615 tendas.
Cifras que, segundo sinalou o delegado da Xunta, "poñen en evidencia a aposta dos cidadáns polo comercio de proximidade e a enorme capacidade do pequeno comercio para facer fronte ás dificultades provocadas pola pandemia".
Así, o representante do Goberno galego lembrou a aposta de Xunta por apoiar ás asociacións comerciais con programas e liñas de axudas enfocadas para incentivar o consumo e para apoiar a modernización do sector e o seu salto dixital.

Días Azuis

En canto á nova edición da campaña Días Azuis do comercio galego, explicou que durante estas semanas o obxectivo é visibilizar os establecementos que están a pé de rúa e dinamizar o comercio de proximidade. Neste sentido, animou aos coruñeses e coruñesas a comprar e apoiar a actividade deste tipo de locais ao longo de todo o ano.
Deste modo, os clientes dos comercios que realicen as súas compras ata o vindeiro 30 de xuño deberán rexistrar o seu tícket en www.diasazuis.com, ou ben solicitar que o faga o propio comerciante.
Entre todos os participantes sortearanse un total de 12.000 euros en 64 tarxetas prepago: 24 de 250 euros e 40 de 150 euros, que deberán ser utilizadas polos gañadores nos establecementos tradicionais galegos antes do 30 de xuño do próximo ano. O sorteo, ante notario, realizarase o vindeiro 5 de xullo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/06/2021