O conselleiro de Educación e o presidente da entidade municipalista asinan o acordo marco de colaboración para o uso e desfrute destas instalacións fóra do horario escolar

Xunta e Fegamp acordan abrir á cidadanía os espazos deportivos dos centros escolares, para cuxo deseño se publica un concurso de ideas que tamén abrangue os patios cubertos

Román Rodríguez salienta o “efecto dinamizador” dos colexios e institutos nas zonas onde se sitúan e avoga por aproveitar ao máximo os seus usos en beneficio do conxunto da sociedade

Sinala que esta colaboración institucional garante a disposición de espazos escolares para uso público deportivo e cultural en sitios onde en ocasións non contan instalacións dese tipo

Hoxe tamén se publica o concurso para o deseño tipo de patios cubertos e pistas multideporte, dúas das primeiras medidas do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Os patios cubertos serán construcións modulares en madeira, de xeito que se poidan usar para actividades de ocio e de lecer, e tamén educativas se fora necesario

As pistas multideporte deberán estar deseñadas para permitir, cando menos, a práctica de cinco deportes que son fútbol, baloncesto, tenis, voleibol, badminton e hockey

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) selaron hoxe o acordo marco polo que se regula a apertura das instalacións deportivas dos institutos ao seu uso por parte da cidadanía fóra do horario escolar, co que se dá cumprimento a un dos obxectivos recollidos no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, no que se aposta por centros educativos máis flexibles e abertos, cun maior peso da súa función social e como axentes de avance e progreso da comunidade.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e mailo presidente da Fegamp, Alberto Varela, asinaron o documento polo que a partir de agora se rexerán as condicións de uso destes espazos. Ademais, tal e como anunciou o conselleiro, o Goberno galego vén de abrir un concurso de ideas para o deseño tipo das pistas multideporte e dos patios cubertos que se vaian construír a partir de agora.

Román Rodríguez subliñou que os centros educativos “xogan un papel que vai moito máis aló do de seren meros edificios e infraestruturas dedicadas ao labor docente”, xa que exercen “como elementos dinamizadores na vida dos concellos e, por suposto, das familias”. Neste senso, o acordo institucional entre o Goberno autonómico e o órgano municipalista “permitirá seguir afondando nesa relación indivisible entre os colexios e os concellos”, sobre todo naqueles lugares pequenos e determinados barrios onde, en ocasións, non contan con instalacións deportivas para o uso público.

Condicións de uso de espazos

Ao abeiro do acordo coa Fegamp, impúlsase o uso por parte dos concellos galegos, fóra do horario escolar, de instalacións deportivas dos institutos que son titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Segundo o establecido no documento de colaboración -que ten unha vixencia de catro anos- o seu uso cínguese estritamente aos fins educativos, deportivos e culturais, e o concello interesado deberá presentar ante a dirección do centro unha solicitude na que consten os datos identificativos do responsable e as actividades a levar a cabo.

Este uso compartido non implica achegas económicas, aínda que as partes se compromenten a sufragar de xeito proporcional os gastos derivados do aumento da intensidade de uso das instalacións, para o cal se aplicará unha fórmula de cálculo en función de horas de uso ou e se trata de centros con menos de 100 alumnos.

Concurso de ideas para patios e pistas multideporte

O conselleiro referiuse tamén ao concurso de ideas aberto hoxe mesmo para o deseño dos patios cubertos e pistas polideportivas, e cuxas propostas gañadoras pasarán a ser titularidade da Xunta.

Así pois -seguindo as liñas marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica- dótase aos centros de espazos para o lecer do alumnado tendo en conta a climatoloxía de Galicia e que ademais se poidan empregar como espazos complementarios para a docencia, cunhas condicións axeitadas de ventilación e distanciamento.

No deseño destes espazos buscarase que poidan usarse tamén fóra do horario escolar para outras actividades coa comunidade educativa promovidas por entidades como os concellos.

No caso das pistas multideporte que se deseñen a partir de agora, deberán permitir como mínimo a práctica de cinco deportes (fútbol, baloncesto, tenis, voleibol, badminton e hockey) e contémplanse dúas posibilidades, unha con peche de madeira con herba antiestática e outra con peche de aceiro.

No caso dos patios cubertos, as construcións deberán ser modulares en madeira, cunha superficie orientativa de 15 x 1,5 metros e unha altura de 4 metros por módulo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/06/2021