A Xunta destina 154.000 euros a Proxecto Home para a atención de persoas con patoloxía dual por problemas de adiccións

A conselleira de Política Social, Fabiola García, asina co director xerente da Fundación Monte do Gozo, Ramón Gómez, un convenio para financiar 11 prazas residenciais no programa Acougo

A iniciativa leva a cabo atención personalizada e integral para lograr a estabilidade destas persoas e inculcar hábitos de vida saudables

Vigo, 11 de xuño de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou que a Xunta de Galicia destina 154.000 euros a Proxecto Home para a atención de persoas con patoloxía por problemas de adiccións. A representante do departamento autonómico asinou está mañá, acompañadapolo director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, e da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, un convenio de colaboración co director xerente da Fundación Monte do Gozo, Ramón Gómez, para o desenvolvemento do programa Acougo en Vigo.

Deste xeito, o Goberno galego financia 11 prazas desta iniciativa que se dirixe de maneira específica a persoas diagnosticadas con trastornos psiquiátricos derivados do abuso do consumo de substancias psicoactivas, como a esquizofrenia, o trastorno de límite de personalidade, a obsesión compulsiva ou o trastorno bipolar.

O programa Acougo ten unha atención personalizada e integral e persegue dous obxectivos: achegar estabilidade a persoas que sofren patoloxía dual e inculcarlles hábitos de vida saudables.

A iniciativa lévase a cabo maioritariamente en réxime residencial, aínda que dependendo da autonomía das persoas usuarias e da súa situación familiar pódese optar polo réxime semirresidencial. A atención é personalizada, e inclúe a participación en grupos de autoaxuda, seminarios educativos, obradoiros ocupacionais e para a adquisición de habilidades sociais ou actividades deportivas, entre outras intervencións.

Ademais deste programa, a Consellería de Política Social ten abertas outras vías de colaboración con Proxecto Home para axudar no desenvolvemento do seu traballo diario. Así, o ano pasado destinou 300.000 euros a través de diferentes liñas de colaboración.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/06/2021