O presidente do Goberno galego visitou hoxe as instalacións do novo Centro de Saúde de Melide

Feijóo reedita o compromiso cun novo modelo de Atención Primaria adaptada ás necesidades dos pacientes e con máis servizos

Salienta que esta aposta reflíctese na construción ou renovación desde 2009 de 86 centros de saúde, máis sete obras actualmente en marcha, o que supón un investimento de 110 millóns de euros

Afirma que o Servizo Galego de Saúde está a traballar xa para definir os seguintes pasos de transformación da Atención Primaria, como a mellora das axendas

Melide (A Coruña), 11 de xuño de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reeditou hoxe o compromiso cun novo modelo de Atención Primaria, adaptada ás necesidades dos pacientes e con máis servizos.

Nesta liña, referiuse ao novo Centro de Saúde de Melide como exemplo desa aposta. Non en van, esta nova infraestrutura, na que se investiron preto de tres millóns de euros, conta con case 2.000 metros cadrados -un 60% máis de superficie- para atender a máis de 7.000 veciños, 800 en idade pediátrica.

Logo de precisar que o Punto de Atención Continuada dá cobertura tamén aos veciños de Toques e Santiso, chegando a 9.400 cidadáns, Feijóo precisou que as novas instalacións contarán con: 5 consultas de medicina da familia (unha máis que no anterior centro); 5 consultas de enfermaría (dous máis); unha consulta de pediatría e outra de enfermaría pediátrica; sala de toma de mostras; consulta de farmacia, de matrona, de traballo social e de odontólogo e hixienista; unha sala de educación sanitaria; e unha área de fisioterapia.

Así mesmo, resaltou que o Punto de Atención Continuada está formado por unha consulta de medicina e outra de enfermaría, ademais dunha sala de reanimación-observación, entre outros aspectos.

Durante a visita, o titular do Goberno galego subliñou a aposta continuada pola Atención Primara, coa construción ou renovación desde 2009 de 86 centros de saúde, máis sete obras actualmente en marcha, o que supón un investimento de 110 millóns de euros. Ao tempo que incidiu en que o orzamento para este fin, lonxe de diminuír duplicouse, pasando de 26 millóns en 2020, a 55 millóns de euros neste 2021 .

Feijóo concluíu confirmando que o Servizo Galego de Saúde está a traballar xa para definir os seguintes pasos de transformación da Atención Primaria, que dean continuidade ao plan 2019-2021, como a mellora das axendas, con criterios homoxéneos que teñan en conta as características socio-demográficas ou a cronicidade.

O titular do Goberno galego aseverou que a Xunta seguirá comprometida coa comarca, destacando a reforma inmediata do CEIP Melide Nº1, cun investimento de preto dun millón de euros, así como a posta en marcha de novas obras relacionadas co saneamento e abastecemento en distintas parroquias do concello.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/06/2021