Últimos días para visitar en Ribadeo `Elas tamén soan´, unha exposición que reivindica o papel das mulleres músicas en Galicia

A exposición amosa a presenza feminina nun terreo, o da composición e interpretación na música clásica, tradicionalmente masculinizado, onde a discriminación e invisibilización cara as mulleres aínda perdura nos nosos días

A mostra é un traballo do colexio Sagrado Corazón de Jesús e poderá verse ata o luns 14 de xuño na oficina de turismo de Ribadeo

A edición dos paneis correu ao cargo da Secretaría Xeral da Igualdade da Consellería de Emprego e Igualdade

Ribadeo (Lugo), 11 de xuño de 2021

As mulleres que escriben, que interpretan, que coñecen de música e o seu ocultamento na historia son as protagonistas dunha exposición que se poderá desfrutar na oficina de turismo de Ribadeo (Lugo) ata o vindeiro luns 14 de xuño, cun horario de 10,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 19,00 horas.
A mostra quere reivindicar a presenza feminina ocultada ao longo dos séculos na tradición da música culta galega. Esta área foi e segue sendo un terreo no cal hai unha grande discriminación e onde as galegas músicas foron relegadas ao ornamental, ao exercicio do piano ou as clases particulares para logo abandonar as súas inquedanzas artísticas ao casar. A intención das organizadoras é, pois, poñer nomes e perpetualos na nosa memoria colectiva.
Esta exposición, elaborada polo profesorado e o alumnado do colexio Sagrado Corazón de Jesús en Ribadeo, está coordinada pola xefa de estudos do centro, Begoña Sanjurjo e participaron no seu deseño e dirección as mestras Carme Rodríguez Rodríguez e Carme Rodríguez Cancelo. Nela o público poderá contemplar, a través de once paneis, o traballo das mulleres compositoras e intérpretes, dende autoras como María Pérez, A Balteira, afamada soldadeira do medievo, pasando por Eugenia Osterberguer, Agustina del Carmen Otero, bailarina e actriz coñecida como La Bella Otero, María Aurea Rodríguez, primeira galega gaiteira documentada na nosa historia, ata mulleres do noso presente, como a compositora Margarita Viso, a tamén compositora Lucía Martínez ou, tamén, mulleres do panorama musical da nosa época en Ribadeo, como é o caso da percusionista Irene Rodríguez ou da docente Helena Celia López.
Os paneis da mostra divídense polas mulleres que fixeron historia, as que están a facer historia e as mulleres músicas propias de Ribadeo. A edición destes paneis correu a cargo da Secretaría Xeral da Igualdade da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.
A mostra pon o foco na achega á loita pola igualdade da muller no campo musical para dar pé á reflexión e anima á veciñanza de Ribadeo a coñecer máis sobre a historia musical da Comunidade onde a muller reivindica para si, e a sociedade galega con ela, a condición de plena igualdade en todos os ámbitos, agora o musical.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/06/2021