Política Social achega máis de 234.000 euros para o albergue e o centro de acollida da Fundación da Santa Cruz de Vigo

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou esta mañá, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, a sede da entidade emprazada na cidade olívica

Esta organización pon en marcha diferentes programas de integración sociolaboral como actividades de alfabetización dixital e de coñecementos básicos

Tamén se reuniu coa asociación Os Ninguéns para falar da atención a persoas cunha situación de vulnerabilidade
 

Vigo, 11 de xuño de 2021

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou hoxe, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, a Fundación da Santa Cruz de Vigo, onde puido coñecer o albergue, o centro de acollida e as actividades que desenvolve. O representante autonómico puxo en valor o traballo que se está a realizar desde a Xunta de Galicia coas entidades sociais para dar apoio ás persoas máis vulnerables, un compromiso que o Executivo galego demostra achegando a esta asociación máis de 234.000 euros.

Durante o encontro, Arturo Parrado visitou as instalacións da fundación e os programas que nese momento se estaban a desenvolver, como o de alfabetización e coñecementos dixitais. Ademais, coñeceu os obradoiros destinados á adquisición de pautas de conducta, ó desenvolvemento da autoestima e a capacitación dos usuarios que se encontran no centro.

Na última convocatoria de axuda ás entidades 2020-2022, á Fundación da Santa Cruz se destináronselle máis de 234.000 euros para a posta en marcha de diferentes programas como o que hoxe puido presenciar Arturo Parrado. Esta contía tamén serviu para reformar e acondicionar algunhas partes das instalacións, para a adquisición de material para o albergue e a casa de acollida e para a compra dun vehículo.


Reunión coa asociación Os Ninguéns

Previamente, o director xeral de Inclusión Social e a delegada da Xunta en Vigo mantiveron unhareunión na cidade olívica esta mañá, neste caso coa asociación Os Ninguéns, que dedicase a atender a persoas que se atopan nunha situación de vulnerabilidade extrema. Durante o encontro abordaron diferentes cuestións de importancia no ámbito da inclusión social.

Arturo Parrado destacou o labor que este tipo de organizacións realizan diariamente para as persoas que máis o precisan e subliñou a estreita colaboración que manteñen coa Xunta de Galicia.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/06/2021