As mostras procésanse un 30% máis rápido no novo laboratorio central de Ourense

O sistema de automatización intelixente mellora nun 30% os tempos de resposta ás mostras mais frecuentes dos servizos hospitalarios e de atención primaria e ata un 20% as urxentes


Co novo sistema as mostras o Laboratorio de Ourense ten capacidade para procesar ata 12.800 test de bioquímica e inmunoquímica por hora.


Coa súa posta en marcha culmina o proceso de total reforma e modernización dos Laboratorios da Área Sanitaria tras a renovación do equipamento instalacións dos hospitais comarcais
 

Ourense, 10 de xuño 2021

O Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou esta mañá o novo Laboratorio Central da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, no Hospital Universitario de Ourense, que ven de poñerse en funcionamento e co que culmina a renovación dos laboratorios desta Área, tras a reforma e mellora o pasado ano do Laboratorio do Hospital Público de Verín e, en 2019, do de Valdeorras.
Este novo Laboratorio Central situase na planta soto do Edificio Cristal, nunha superficie de 1.500 metros cadrados, totalmente reformados, nun espazo ben comunicado co conxunto de servizos, deseñado para maximizar o confort das instalacións, con climatización silenciosa, eliminación do ruído ambiente e puntos de luz de baixo consumo.

Está estruturado nas áreas funcionais de recepción preanalítica (que dispón de clasificadores automáticos capaces de rexistrar ata 1.200 mostras por hora); bioquímica, inmunoquímica e seroloxía. Estas tres últimas áreas están integradas nun sistema de automatización intelixente que recibe as mostras, as redirixe cara os analizadores e as almacena en ata 70 destinos de clasificación.

Este sistema de automatización intelixente ten mellorado os tempos de resposta nun 20% para as mostras de urxencias e nun 30% para as mostras hospitalarias e primaria en bioquímica e inmunoquímica, o núcleo analítico de maior peso e que ten agora capacidade para realizar ata 12.800 tests por hora.

Ademais, o novo Laboratorio Central, no que traballan máis de 50 profesionais e está acreditado para a formación de especialistas, está estruturado e distribuido tamén por áreas funcionais, con áreas específicas para a abordaxe dos procesos de laboratorio relacionados coa reprodución asistida, a autoinmunidade ou as alerxias.


A súa posta en marcha supón a culminación do proceso de modernización dos sistemas de laboratorio do conxunto da Área Sanitaria pero tamén de coordinación dos procesos analíticos do conxunto de centros tanto de atención primaria como hospitalaria.

Este camiño en prol da coordinación marcou un fito coa coa unificación funcional dos laboratorios dos hospitais Santa María Naie e Nosa Señora do Cristal, en 2010, continuou coa unificación dos sistemas de información e a implantación da petición electrónica das probas, culmina agora co proceso de modernización tecnolóxica.

Continuidade dos avances

Esta reforma e modernización é a antesala á continuación das obras do Plan Director do Hospital Universitario de Ourense, proxecto adxudicado en xaneiro do pasado, por un importe de 611.502€ , entregado e en en fase de supervisión para a licitación das obras por parte Axencia Galega de Infraestruturas.

As obras terán un importe de licitación superior aos 63 millóns de euros e xa foron anunciadas no DOUE. Coas novas infraestruturas previstas o nospital ourensán disporá de 19.070 m2 mais, e reformaranse 21.077 m2. da súa superficie actual.

A nova fase inclúe a construción dun novo edificio para hospitalización e servizos centrais, de doce plantas -nove alturas, con planta baixa e dous sotos- que estará situado no espazo existente entre o Cristal e o Materno Infantil, en paralelo ao novo edificio de hospitalización. A súa construción suporá a igualar tanto os criterios técnicos como de confort das áreas mais modernas e facilitará a comunicación entre os edificios de hospitalización. Asemade procederase a reforma integral do Materno Infantil será integral, modificando a distribución, instalacións, acabados e envolvente.

O Universitario de Ourense tamén mellorará proximamente o seu Servizo de Medicina Nuclear, unha vez licitada xa a redacción do proxecto básico, execución e dirección das obras, para a súa instalación na planta -1 do Edificio Cristal, por importe de 99.979,60 euros. Situarase nun espazo próximo a área de diagnóstico por imaxe que ven de ser renovada. Paralelamente, estase a tramitar tamén o proxecto de ampliación e modernización da UCI.

 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 11/06/2021