A Xunta destaca a importancia dos eventos deportivos para promocionar Galicia como destino turístico

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiu hoxe á IV edición da ‘Ourense Strade Termal doby Ridley’ que contou coa participación de 300 cicloturistas que atravesaron o Parque Nacional do Xurés-Geres

O Goberno galego aposta por fomentar Galicia como un destino turístico de calidade a través da promoción de eventos coma este, en colaboración co Inorde
 

Lobios (Ourense), 13 de xuño de 2021

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na IV edición da Ourense Strade Termal doby Ridley, organizada polo Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), co apoio da Xunta, no marco do convenio asinado por ambas entidades, dotado de 52.000 euros, para fomentar Galicia como un destino turístico de calidade e promocionar actividades relacionadas coa dinamización turística na provincia de Ourense.

Nava Castro destacou a importancia de eventos deportivos coma este para dar a coñecer as paisaxes e patrimonio de Galicia dos escenarios nos que se desenvolven as distintas probas, ademais do polo de atracción turística que supón o deporte.
Esta proba cicloturista de gran e medio fondo que percorre os concellos ourensáns de Entrimo, Lobeira, Bande e Calvos de Randín, así como Muíños e Lobios, é un dos eventos vencellados co ciclismo e os deportes náuticos na provincia que forman parte do acordo. Tamén se inclúe o apoio ao Campionato de Europa Junior de Rallies previsto para mediados de xullo; a 4ª edición da Gladiator Race Vía Nova en Muíños, a primeira proba de obstáculos nocturna en España, ou o Trail do Xurés, ademais de promocionar actos relacionados co remo, a vela ou o piragüismo co obxectivo de potenciar o destino para o Adestramento de equipos internacionais na contorna de Laias, Arnoia e Castrelo de Miño.
No Ourense Strade Termal doby Ridley participaron 300 deportistas que partiron do Balneario de Lobios para descubrir portos de montaña nun percorrido protagonizado polas paisaxes singulares e o patrimonio no entorno do Parque Nacional do Xurés-Geres.
A Xunta aposta por presentar Galicia como un destino de calidade e sustentable cunha oferta competitiva que contribúe á desestacionalización do sector turístico. Nava Castro destaca no caso de Ourense a variedade de recursos turísticos da provincia como o turismo termal e deportivo, o enoturismo ou a gastronomía.
 

Data de actualización: 13/06/2021