Preto de 3.000 aspirantes participaron hoxe nas oposicións para o Corpo administrativo C1 da Xunta

A porcentaxe de participación foi do 47,1%, seis puntos superior á rexistrada no anterior proceso selectivo de 2016

As probas estanse celebrando de forma simultánea en Silleda, Lugo e Vigo

Vigo, 12 de xuño de 2021

Un total de 2.917 aspirantes participaron hoxe nas oposicións para o Corpo administrativo C1 da Xunta de Galicia. A porcentaxe de participación nos exames que se celebran de xeito simultáneo no recinto da Feira internacional de Silleda, o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e o Instituto Feiral de Vigo (IFEVI), é do 47,1%, case seis puntos superior á rexistrada no último proceso selectivo que tivo lugar no 2016 (41,8%).

Os exames desenvólvense con todas as garantías sanitarias logo de que as autoridades sanitarias autorizaran a súa celebración seguindo protocolos de actuación que garanten a súa realización con seguridade e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

Entre as 28 e 48 horas posteriores á realización deste exercicio, a Dirección Xeral da Función Pública poñerá a disposición dos participantes un certificado de asistencia que se poderá obter no portal web corporativo https://www.xunta.gal/funcion-publica.

Operativo de seguridade

Un operativo formado por case 270 persoas controla que o proceso selectivo se desenvolva de xeito correcto e con total seguridade. Tanto o recinto de Silleda como o de Lugo e o de Vigo dispoñen dun médico e dunha ambulancia habilitada pola Administración galega para atender calquera incidencia que se puidese producir durante a realización das probas.

Para a celebración das probas estase a seguir un protocolo avalado polas autoridades sanitarias que establece que os aspirantes deben acudir soas (salvo que precisen asistencia) e presentarse á hora indicada na convocatoria, non con antelación; e gardar en todo momento a distancia de seguridade.

A Dirección Xeral da Función Pública proporciona a todos os aspirantes unha máscara que que será de uso obrigatorio durante todo o proceso. Tamén é obrigatorio o emprego de xel hidroalcohólico; os obxectos persoais dos participantes deben ser os mínimos imprescindibles; e non se pode compartir material.

En cada unha das portas onde se desenvolvan as probas sinalaranse claramente os accesos correspondentes, o que permite a súa visualización desde o exterior co fin de axilizar a identificación do acceso que corresponda a cada aspirante. Ademais, ventilaranse os pavillóns e manteranse as portas abertas durante a realización dos exercicios, sempre e cando non se provoque unha situación inconfortable polas correntes de aire ou derivada do ruído.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/06/2021