A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a aprobación do proxecto para habilitar un aparcadoiro na contorna do novo centro de saúde de Narón

Habilitaranse 138 prazas de aparcadoiro, engadindo catro adicionais para persoas con mobilidade reducida e dúas para vehículos sanitarios

O aparcadoiro, con dous accesos, incluirá dúas glorietas para distribuír o tráfico e habilitaranse áreas para o tránsito peonil, zonas verdes e un carril bici

A actuación enmárcase nun acordo polo que a Administración autonómica realiza a tramitación técnica do proxecto e o Concello financia, licita e executa as obras, que darán servizo ao novo centro de saúde de Narón, no que a Xunta investiu 5,4 M€

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto para habilitar un aparcadoiro na estrada AC-862, na contorna do novo centro de saúde de Narón.
A actuación, que conta cun investimento de case 600.000 euros, ten como dobre obxectivo solucionar os actuais problemas de estacionamento na zona das instalacións sanitarias, así como reforzar a seguridade viaria na estrada de Castela.
O DOG tamén publica a aprobación definitiva do expediente de información pública deste proxecto. No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://xurl.es/ez6lj
A intervención enmárcase nun acordo polo que a Xunta realiza a tramitación técnica do proxecto ata a súa aprobación definitiva, pois a regulación da Lei 8/2013 de Estradas de Galicia posibilita de modo automático o aparcadoiro desde o punto de vista urbanístico. O Concello de Narón financiará, licitará e executará as obras.
O proxecto, redactado pola Axencia Galega de Infraestruturas, implica habilitar 138 prazas de aparcadoiro, engadindo catro adicionais para persoas con mobilidade reducida e dúas para vehículos sanitarios.
Para construír este aparcadoiro, executarase a explanación da parcela, anexa tanto á AC-862 como ao Camiño do Lodairo, que necesita de dous muros de formigón.
As obras abranguen a disposición dunha zona de aparcadoiro, cunha vía perimetral de circulación de dobre sentido e unhas vías interiores de sentido único. Haberá dous accesos, un de entrada, situado ao sueste, e outro de entrada e saída, ao suroeste.
Ademais disporanse dúas glorietas para distribuír o tráfico entre os accesos e a vía perimetral, áreas reservadas para o tránsito peonil, zonas verdes, un carril bici e un aparcadoiro de bicicletas.

Estas actuacións darán servizo ao novo centro de saúde de Narón, no que a Xunta investiu 5,4 millóns de euros.

Data de actualización: 14/06/2021