A Xunta asina coa Deputación da Coruña o convenio para cofinanciar a Tarxeta do Bono Turístico #QuedamosEnGalicia

A colaboración dos organismos provinciais da Coruña e de Ourense, xunto co remanente do bono do 2020, permitirá incrementar en 1,4M€ o orzamento do programa ata acadar os 7,5M€, mobilizados co obxectivo de chegar a máis beneficiarios

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, valorou este acordo como exemplo de colaboración institucional

A Coruña, 14 de xuño de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asinou esta mañá con presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, un convenio de cofinanciación da tarxeta do bono turístico #QuedamosEnGalicia polo que o organismo provincial aporta 300.000 euros ao programa de reactivación do turismo interno na comunidade autónoma.
A aportación da Deputación da Coruña, xunto coa do organismo provincial de Ourense e o remanente sen consumir do bono do 2020, permitirá incrementar en 1,4 millóns de euros o orzamento inicial desta iniciativa, ata mobilizar 7,5 millóns, coa finalidade de chegar a máis xente e seguir axudando a un dos sectores máis castigados pola pandemia.
Alfonso Rueda valorou este acordo como exemplo de colaboración institucional e agradeceu a resposta do organismo provincial á chamada feita pola Xunta para sumarse a unha iniciativa pioneira en Galicia e que foi imitada noutras comunidades autónomas.
Hai xa 6.500 galegos que poden facer uso do seu bono no milleiro de establecementos hostaleiros e turísticos que se sumaron á convocatoria, pero calcúlase que finalmente chegará a uns 10.000 coa ampliación do crédito, do que se poderán beneficiar unhas 3.500 persoas.
O obxectivo da tarxeta #QuedamosEnGalicia é potenciar o turismo interno agora que se relaxaron as restricións, facilitar que os galegos desfruten de Galicia e coñezan Galicia e axudar aos sectores hostaleiro e turístico, os máis castigados pola pandemia.
Entre esta convocatoria e a de #ElixeGalicia, que busca a desestacionalización do turismo interno, a Xunta mobiliza uns 10 millóns de euros para reactivar un sector con boas perspectivas e que vai ser determinante na recuperación económica de Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/06/2021