A Xunta convoca as axudas a viveiros e agricultores afectados por organismos de corentena, que conta cun importe un 15% superior á convocatoria anterior

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde, na que se dispón un orzamento total de 75.000 euros

O prazo de presentación de solicitudes será de tres meses contados a partir de mañá, día seguinte da publicación desta orde

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural que establece as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións en materia de sanidade vexetal aos viveiros ou explotacións agrícolas afectadas por organismos de corentena. O orzamento dispoñible para estas achegas é de 75.000 euros, un 15% superior ao ano anterior, e poderá incrementarse segundo as necesidades detectadas e a dispoñibilidade orzamentaria.
En concreto, poderán ser persoas beneficiarias destas indemnizacións tanto as persoas físicas e xurídicas como as entidades sen personalidade xurídica cuxos produtos vexetais fosen afectados polas medidas fitosanitarias adoptadas en virtude da declaración dunha praga pola autoridade competente, orixinada polo desenvolvemento dun programa oficial de erradicación dos organismos de corentena determinadas na presente orde.
Estas empresas poderán ser beneficiarias sempre e cando teñan a consideración de pequena e mediana empresa agraria. No caso dos produtores de plantas de viveiro, estes deberán estar inscritos nos correspondentes rexistros oficiais. Neste sentido, o prazo de presentación de solicitudes será de tres meses contados a partir de mañá, día seguinte da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.
Enlace á Orde:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210614/AnuncioG0426-270521-0001_gl.html

Data de actualización: 14/06/2021