A Xunta apoia a dotación de equipamento do novo GES da Veiga coa entrega dun camión destinado a todo tipo de emerxencias

O investimento no funcionamento dos GES acada os 4,8 millóns este ano, aos que se suma o apoio en equipamento que nos últimos anos supuxo case 20 millóns de euros cedidos aos concellos galegos

O Goberno galego inviste case 200.000 euros neste vehículo totalmente equipado para intervir en incendios urbanos, forestais e industriais

A Xunta acordou coas deputacións provinciais e a Fegamp crear 5 novos GES en Galicia e un servizo municipal para mellorar a cobertura das emerxencias na comunidade

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega hoxe dun camión autobomba Rural Pesada (BRP) ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da Veiga, dotando así de equipamento a este novo grupo coa finalidade de mellorar a eficacia nas súas intervencións e garantir a seguridade dos profesionais que integran para que poidan realizar o seu traballo nas mellores condicións.
Alfonso Rueda destacou que o GES da Veiga é un dos 6 novos servizos creados este ano no marco da Comisión de Seguimento dos GES co obxectivo de reducir os tempos de resposta en situacións de risco e continuar a mellorar o mapa de emerxencias que cubre o territorio galego. De feito, sinalou que a creación e posta en marcha dos GES supón un exemplo de coordinación entre administracións e, por iso, apelou a seguir colaborando coas deputacións provinciais e os concellos a través da Fegamp.
Tamén solicitou a implicación de todas administracións na dotación de equipamento aos servizos de emerxencia correspondendo ao traballo que desempeñan cada día para velar pola seguridade dos seus veciños. Aínda que se trata dunha competencia dos concellos e as deputacións, a Xunta colabora no funcionamento dos GES desde a súa creación en 2013, e este ano incrementa ata os 4,8 millóns de euros a contía destinada aos 29 GES e 4 servizos municipais da comunidade, o que supón máis da metade do seu custo total.
O Goberno galego destaca a importancia da labor dos GES na prevención dos lumes e como complemento aos servizos de emerxencias na súa extinción, Así, apoia tamén aos GES na dotación equipamento de emerxencias, con entregas como a de hoxe na Veiga.

Data de actualización: 16/06/2021