Alfonso Rueda agradece a Corea do Sur a súa aposta polo Camiño de Santiago e invita os seus cidadáns a desfrutar dos atractivos turísticos de Galicia

O vicepresidente primeiro da Xunta participou en Barcelona nun foro sobre turismo entre España e a República de Corea, sétimo país no mundo que aporta máis peregrinos ás rutas xacobeas

A petición do país asiático, moi interesado no Camiño, Alfonso Rueda mantivo un encontro bilateral con Hwang Hee, ministro de Turismo de Corea do Sur

O vicepresidente primeiro da Xunta e o ministro da República de Corea, que invitou á Xunta a visitar o seu país, acordaron vías de colaboración para a promoción do Camiño e da súa réplica coreana, o Jeju Olle Trail

Barcelona, 17 de xuño de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta participou hoxe en Barcelona no foro Spain Korea Roundtable, centrado nas potencialidades turísticas entre España e a República de Corea. No acto, Alfonso Rueda agradeceu a Corea do Sur a súa aposta polo Camiño de Santiago e invitou os seus cidadáns a desfrutar dos atractivos turísticos de Galicia.
O encontro abriuse cun saúdo do presidente da República de Corea, Moon Jae-in, no que fixo alusión ao Camiño de Santiago e ao interese que esperta entre os seus compatriotas. O vicepresidente galego, que compartiu atril co ministro de Cultura, Deportes e Turismo da República de Corea, Hwang Hee, subliñou a importancia das rutas xacobeas na relación cada vez máis estreita que os cidadáns de Corea do Sur manteñen con España, en xeral, e con Galicia, en particular. Ao seu entender, esa irmandade baséase no grande éxito que o Camiño de Santiago ten entre os coreanos, que no ano 2019 representaron á sétima nacionalidade con máis presenza nos itinerarios xacobeos, con máis de 8.000 peregrinos no ano previo á crise sanitaria.
O interese de Corea do Sur polo Camiño quedou ratificado no feito de que, por petición do país asiático, o vicepresidente primeiro mantivo en Barcelona un encontro bilateral con Hwang Hee no que o ministro de Turismo surcoreano preguntou, sobre todo, polo fenómeno xacobeo, e invitou á Xunta de Galicia a visitar Corea. Na xuntanza acordouse establecer canais de colaboración habituais para afondar na relación entre o Camiño de Santiago e o Jeju Olle Trail, unha réplica a pequena escala da ruta xacobea que os coreanos acostuman utilizar como adestramento antes da súa viaxe a Europa.
O vicepresidente primeiro da Xunta recoñeceu no foro que Galicia sae da pandemia co reto de facer do Xacobeo 21-22 o motor da súa recuperación económica, e que para iso, a Xunta leva meses traballando para garantir a confianza dos turistas e dos peregrinos coa promoción da marca Galicia, destino seguro.
Nese contexto, Rueda valorou a aposta dos coreanos polo Camiño de Santiago, xa que foron quen de apreciar un modelo turístico en auxe que centra a súa oferta na natureza e no deporte, ademais de sumar valores como a historia, a cultura e as artes.
O vicepresidente primeiro asegurou que o Camiño trunfa no mundo “porque o ten todo” e porque “quen o fai, repite”, e animou desde Barcelona a “calzar as botas” e apostar por todo o bo que pode ofrecer Galicia neste Xacobeo extraordinario que celebra un dobre Ano Santo.

Data de actualización: 17/06/2021