A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia asina un convenio co Colexio Profesional de Enxeñería de Informática de Galicia

A Amtega e o CPEIG colaborarán no fomento do talento dixital das persoas máis novas (Tech Kids) e na formación en ciberseguridade e block chain

O Programa Tech Kids fomentará o talento dixital da infancia a través de tres eixos: Encontros con profesionais TIC, Mática e Ciberseguranza-Kids

Unha das novidade deste Convenio é a creación de espazos de networking: ‘Programa tres14.pm’

Deseñaranse novos recursos formativos en Ciberseguridade para os axentes da Rede CeMIT

O convenio contempla formación específica sobre Administración electrónica e Block Chain

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2021

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, renovaron a cooperación entre ambas entidades a través da sinatura dun acordo para a posta en marcha de actividades para o fomento da sociedade dixital no ano 2021.
O convenio, enmarcado dentro da Estratexia Galicia Dixital 2030, recolle a realización de actividades para fomento do talento dixital das persoas máis novas (Tech Kids), formación en Administración electrónica, Block Chain e Ciberseguridade así como a creación de espazos de networking entre profesionais TIC (Programa tres14.pm)

Tech Kids: Fomento do talento dixital da infancia e mocidade

O programa Tech Kids ten como obxectivo identificar e desenvolver o talento dixital e fomentar o interese pola tecnoloxía e a ciencia entre a infancia e a mocidade galega. O programa Tech Kids estruturarase arredor de tres eixos: Encontros con profesionais TIC, Mática e Ciberseguranza-Kids
A través dos encontros con profesionais TIC, nenas e nenos desde 6 a 18 anos poderán interactuar cun experto en temáticas relativas á elaboración de personaxes 3D, creación de videoxogos, robótica, intelixencia artificial, impresión 3D ou industria 4.0, entre outras.
A iniciativa Mática consiste na realización dun programa piloto de carácter específico para crear unha comunidade de xoves de 12 a 18 anos de distintas localidades, a través dun programa de xornadas online que proporcione: Ferramentas e contidos que lles permita ver a tecnoloxía e as súas aplicacións na sociedade, referentes de mulleres do sector TIC de distintos ámbitos (empresarial, administración pública, docente) así como información e coñecemento que lles permita decidir a súa futura carreira profesional.
A actuación Ciberseguranza-Kids desenvolverase a través de 12 xornadas de divulgación en modalidade on line mediante charlas con tipoloxía de contacontos ou outro tipo de actividades de carácter dinámico e participativo. Esta actividade está dirixida a nenos/as de 3 a 12 anos de idade. Ademais, esta iniciativa comprenderá a publicación de vídeos específicos con contido en materia de ciberseguridade para a súa difusión permanente.
Estas tres actuacións tamén forman parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, Plan DigiTalent, impulsado pola Amtega para fomentar as vocacións tecnolóxicas entre o alumnado máis novo.

Xornadas formativas sobre Administración electrónica, Block Chain e Ciberseguridade

O convenio contempla formación para o desenvolvemento das potencialidades dos traballadores dos sectores tecnolóxico e das Administracións así como formación específica dirixida aos axentes da Red CeMIT
No marco destas xornadas formativas, cabe salientar a formación en Block Chain, dirixida a un publico técnico e profesional.
Ademais, a formación en Ciberseguridade, enmarcada tamén no Plan de Inclusión Dixital de Galicia, permitirá crear novos recursos formativos e impartir cursos formativos sobre Ciberseguridade dirixidos aos axentes das aulas CeMIT.

Creación de espazos de networking: Programa tres14.pm

Outra das novidades deste convenio céntrase na creación de espazos de debate, opinión, coñecemento e networking para profesionais do ámbito TIC, invitando a expertos/as en distintas materias para que realicen unha exposición sobre a materia e un coloquio posterior,
As actuacións previstas polo CPEIG completaranse con actividades de difusión para a comunidade de colexiados, profesionais, organismos e empresas do sector TIC galego, en temas de investigación, tendencias de mercado, innovación, etc.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/06/2021