A Xunta reforza o equipamento das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil coa entrega de 8 vehículos todocamiño

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, fixo entrega hoxe deste material cedido aos concellos de Carballo, Arteixo, Fene, Allariz, Vilar de Barrio, Cuntis, Vilanova de Arousa e á Mancomunidade do Ribeiro

A entrega enmárcase na orde de axudas para equipamento de emerxencias, que conta cun investimento de 932.400 euros a agrupacións de 87 concellos e 2 mancomunidades

Xunto con estes todocamiño, a orde inclúe o reparto de 12 remolques de emerxencias, 4 UTV, 4 embarcacións neumáticas, 37 tendas de campaña para emerxencias, 12 coitelas para a retirada de neve e 12 esparexedores de sal

Alfonso Rueda destaca a labor altruísta dos voluntarios e a necesidade de que conten co material necesario para realizar as súas intervencións con seguridade e eficiencia

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2021
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega hoxe no Monte do Gozo de 8 vehículos todocamiño destinados a mellorar o equipamento de emerxencias das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil dos concellos de Carballo, Arteixo, Fene, Allariz, Vilar de Barrio, Cuntis, Vilanova de Arousa, así como a Mancomunidade do Ribeiro. Trátase de agrupacións beneficiarias da orde de axudas do Goberno galego para equipamentos de emerxencias, dotada con 932.400 euros.
Os 8 vehículos todocamiño entregados hoxe contan, entre outras características, con 190 cv, dirección asistida e control de descenso de pendentes para que os voluntarios poidan circular por todo tipo de terreos para levar a cabo as súas intervencións coa máxima seguridade e eficacia.
Ademais destes 8 vehículos, ao abeiro desta orde, 87 concellos e 2 mancomunidades recibiron 12 remolques de emerxencias, 37 tendas de campaña para emerxencias, 4 UTV (Utility Task Vehicle), xunto con 12 coitelas para retirada de neve e 12 esparexedores de sal para os concellos de montaña e 4 embarcacións neumáticas para os municipios costeiros ou con encoros onde se practican actividades de recreo.
O vicepresidente primeiro da Xunta destacou o imprescindible labor altruísta dos voluntarios destas agrupacións complementando aos servizos municipais e a súa implicación na loita contra a pandemia da covid-19 a través dos dispositivos para o reparto de alimentos e medicamentos a persoas en situación de vulnerabilidade e na limpeza e desinfección de lugares públicos.

Nesta liña, destacou que a Xunta considera unha prioridade que os efectivos de emerxencias conten co material axeitado para realizar as súas intervencións con maior eficiencia e, sobre todo, con seguridade, traballando nas mellores condicións posibles e co mellor equipamento.

A orde de axudas de equipamento para as AVPC enmárcase no esforzo que está a realizar o Goberno galego nos últimos anos para mellorar e reforzar os medios de emerxencias dos concellos galegos, cun investimento de case 20 millóns de euros dirixidos a dotar de material tanto aos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES) coma a estas agrupacións.

As AVPC tamén poden beneficiarse da liña de subvencións anual coa que a Xunta financia os seus gastos de funcionamento daquelas ubicadas en concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de municipios. Na convocatoria deste exercicio o Goberno galego destina un orzamento de 340.000 euros.

Ademais, para contar con profesionais ben formados e ben preparados os efectivos dos servizos de emerxencias reciben distintos cursos de formación na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) cos que actualizar os seus coñecementos sobre a súa actividade diaria.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/06/2021