O director do Instituto de Estudos do Territorio, Francisco Barea, reuniuse en Antas de Ulla con representantes e técnicos municipais da provincia

A Xunta asesora ao persoal de 13 concellos de Lugo sobre a aplicación das Directrices da Paisaxe

Antas de Ulla (Lugo), 18 de xuño de 2021

O director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Francisco Barea, animou esta mañá a 13 concellos da provincia de Lugo a implicarse e colaborar na aplicación práctica das Directrices da Paisaxe de Galicia, a primeira ferramenta deste tipo coa que conta a Comunidade e que entrou en vigor o pasado 20 de febreiro.

Así llo trasladou a unha representación de técnicos e responsables municipais dos concellos de Antas de Ulla, Taboada, Monterroso, Portomarín, O Páramo, Paradela, Chantada, O Saviñao, Bóveda, Carballedo, Pantón, Monforte de Lemos e Sober no transcurso dunha xuntanza informativa celebrada na Casa do Concello de Antas de Ulla.

Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda leva catro meses celebrando este tipo de reunións para dar a coñecer a nivel local o contido das Directrices. Neste sentido, Francisco Barea sinalou que están pensadas como unha nova ferramenta de protección, xestión e conservación da paisaxe, coa que Galicia afianza a súa actual posición á vangarda do país nesta materia.

A Xunta pon en valor este tipo de encontros porque é moi importante que se coñeza o seu alcance, por canto recolle normas e directrices que deberán integrarse na totalidade de iniciativas que se promovan no territorio galego. En definitiva, búscase compatibilizar a protección e mellora da paisaxe co desenvolvemento económico de Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/06/2021