A Xunta adxudica preto de 42.000 metros cadrados de solo empresarial con bonificacións por importe de máis de 1,8 millóns de euros

As 14 parcelas asignadas pola empresa pública Xestur emprázanse nos parques empresariais de Carballo, Santiago de Compostela, Arteixo, Lugo e Cervo

No que vai de ano xa se venderon máis de 100.000 metros cadrados nos parques xestionados pola Xunta, con bonificacións que suman máis de 4,48 millóns de euros

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia acaba de adxudicar preto de 42.000 metros cadrados de solo empresarial distribuídos en 14 parcelas emprazadas en cinco parques promovidos pola empresa pública Xestur: Carballo, Santiago de Compostela, Arteixo, Lugo e Cervo. O prezo de venda das parcelas supera os 3 millóns de euros despois de aplicar unha bonificación de máis de 1,8 millóns de euros.

No caso os terreos do parque de Bértoa (Carballo), adxudicáronse a catro empresas dos sectores do aluminio, mobiliario, automóbil e ferraxe para carpintería. Unha das firmas que acaba de mercar solo neste polígono xa resultara adxudicataria dunha parcela no marco do concurso de venda convocado por Xestur a comezos de 2021.

Na Sionlla, en Santiago, as sete parcelas adxudicadas corresponden a catro empresas, posto que a unha delas adxudicáronselle tres solares e a outra, dous. As beneficiarias pertencen aos sectores do aluminio, automóbil e restauración e actividades complementarias para subministro de carburantes, recarga eléctrica e autolavado de vehículos. Cómpre precisar que unha das empresas adxudicatarias xa está a construír as súas instalacións en dúas parcelas deste parque, adquiridas con anterioridade, pero ao resultarlle insuficientes estes terreos, decidiu adquirir unha nova parcela.

O resto da superficie que acaba de adxudicar Xestur foille asignada a unha empresa do sector de almacenaxe e transporte de mercancías, no caso de Morás; a unha firma de loxística e transportes no parque lucense das Gándaras; e a outra de xestión de residuos sólidos non perigosos, que mercou unha parcela no polígono de Cervo.

A Xunta, a única que bonifica a venda de solo

No que vai de ano o Goberno autonómico xa adxudicou máis de 108.000 metros cadrados de solo empresarial nos parques da súa titularidade, con bonificacións por un importe de máis de 4,48 millóns de euros.

Cómpre salientar que a Xunta de Galicia é a única promotora de solo empresarial da Comunidade que aplica bonificacións en todas as parcelas de solo empresarial da súa titularidade.

Estes descontos son do 50% en todos os parques das provincia de Lugo e Ourense ademais dos emprazados en Ferrolterra, Costa da Morte e fronteira con Portugal. No resto de parques empresariais a bonificación é do 30% sobre o prezo de venda das parcelas.

Na seguinte táboa detállanse o número de parcelas, a superficie e as bonificacións sobre o prezo de venda aplicadas nos cinco parques nos que Xestur acaba de adxudicar preto de 42.000 metros cadrados de solo empresarial:

 

PARQUE
NÚMERO PARCELAS
SUPERFICIE m2
BONIFICACIÓN APLICADA AO PREZO DE VENDA €
BÉRTOA (Carballo)
4
11.045
418.543,09
A SIONLLA (Santiago)
7
14.933,50
722.957,25
MORÁS (Arteixo)
1
4.143
190.163,70
AS GÁNDARAS (Lugo)
1
10.252,00
486.970,00
CERVO
1
1.535,00
38.375,75
TOTAL
14
41.908,53
1.857.009,79

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/06/2021