O novo programa 'Propulsa' da Xunta levará a danza de 30 compañías a 27 espazos singulares de toda Galicia

Román Rodríguez presenta esta nova iniciativa de difusión das artes do movemento conxuntamente coa paisaxe e o patrimonio

O calendario de actuacións arranca o 2 de xullo no peirao de Rinlo, en Ribadeo, finalizará o 29 de agosto no Castro de Troña, en Ponteareas, e percorrerá numerosos enclaves emblemáticos

“Este marco permitirá exhibir todo o potencial creativo e patrimonial que atesoura Galicia”, salientou o conselleiro

A Xunta impulsa este verán máis de 3.000 actividades cunha achega de 9M€ no marco do Plan de Reactivación da Cultura
 

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2021
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou hoxe a primeira edición do programa Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio, unha nova iniciativa da Xunta que, nas súas palabras, supón unha “aclamación conxunta dun dos maiores bens culturais que ten a nosa Comunidade”. O ciclo desenvolverase do 2 de xullo ao 29 de agosto en 27 espazos singulares de toda Galicia, que acollerán outras tantas actuacións de 30 formacións artísticas.

A partir da convocatoria pública que se activou coincidindo coa celebración do Día Internacional da Danza, seleccionáronse as 23 compañías galegas que, xunto con sete formacións convidadas do resto de España, Francia e Portugal, lle dan forma a esta iniciativa a través da que a Consellería de Cultura busca compartir co público o “magnífico momento creativo” da danza en Galicia, ao tempo que poñer en valor o noso gran patrimonio cultural e paisaxístico.

Así o expresou Román Rodríguez na presentación celebrada hoxe no miradoiro da Catedral, no Paseo dos Leóns da Alameda de Santiago de Compostela, na que estivo acompañado por Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e Manu Lago, representante da produción do programa, así como varias das compañías e artistas participantes.

Do mesmo xeito, o titular de Cultura lembrou que, ademais deste programa, este verán a Xunta de Galicia vai impulsar máis de 3.000 actividades por toda a xeografía galega cun investimento superior aos 9M€ ao abeiro do Plan de Reactivación da Cultura. Son actividades que se sumarán á programación especial do Xacobeo 21-22 e que favorecerán a posta en marcha de numerosos eventos que abranguen todas as artes escénicas e propostas culturais e dirixidas a todo tipo de públicos, tanto en zonas urbanas como no rural.

Potencial creativo e patrimonial

“Propulsa Danza é un marco de diálogo entre disciplinas e expresións culturais, que permitirá exhibir todo o potencial creativo e patrimonial que atesoura Galicia”, sinalou o conselleiro, ao tempo que puxo varios exemplos dos enclaves emblemáticos nos que se desenvolverá o ciclo, como o Cabo Fisterra, o miradoiro da Punta do Castro en Ribeira ou o castelo de Monterrei. O calendario de actuacións arranca o 2 de xullo no peirao de Rinlo, en Ribadeo, e finalizará o 29 de agosto no Castro de Troña, en Ponteareas.

Esta iniciativa insírese na colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Turismo de Galicia para o desenvolvemento de diferentes propostas culturais no marco do Xacobeo 21-22. Neste sentido, Román Rodríguez incidiu na participación e descentralización, na sostibilidade e na diversidade como catro das principais características da programación cultural coa que se celebra o Ano Santo e que se manifestan, así mesmo, en Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio.

Plan integral para a Danza

A posta en marcha do ciclo súmase ás diferentes accións desenvolvidas pola Xunta a prol da promoción da danza como piar básico da cultura galega. Entre elas, destaca o Plan Integral para a Danza de Galicia, a través do que se trazará a folla de ruta para reforzar o apoio á creación, produción e exhibición coreográfica e que nestes momentos se atopa en fase de redacción tras rematar un amplo proceso participativo co sector e coa cidadanía.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/06/2021