A Xunta formará a 70 profesionais de distintos sectores como guías especializados no Parque Nacional das Illas Atlánticas

Durante xullo e agosto farán de forma telemática a parte teórica do curso e a partir de setembro pasarán unha semana nos catro arquipélagos facendo prácticas

Grazas a esta actividade formativa, que se leva impartindo desde 2006, preto de 700 persoas con diferentes perfís profesionais lograron xa a acreditación necesaria para dar a coñecer os principais valores deste espazo natural entre os seus visitantes
 

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2021
Compartir
  • whatsapp

Un total de 75 persoas participan desde mañá nun curso formativo que lles permitirá acreditarse como guías especializados do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. A maioría dos inscritos, un total de 40, son profesionais do sector que exercen xa de guías turísticos e os 30 restantes están relacionados con ramas como a bioloxía, as ciencias do mar, a historia ou a enxeñaría.

A actividade, organizada polo Organismo Autónomo de Parques Nacionais coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, prolongarase ata o vindeiro mes de setembro e combinará formación teórica e práctica para achegar os principais valores naturais, históricos, arqueolóxicos e submarinos dos arquipélagos a profesionais procedentes de distintas ramas vencelladas co sector do turismo.

A primeira parte do curso, cunha duración de 70 horas e matrícula gratuíta, impartirase mediante unha plataforma de aprendizaxe en liña e prolongarase ata agosto. Tamén se prevé que os participantes reciban 30 horas de formación práctica, presencial e obrigatoria, que se desenvolverá nas propias Illas Atlánticas durante a última semana de setembro.

Esta formación vai especialmente orientada a aqueles profesionais e empresas do sector situadas na contorna socioeconómica do Parque Nacional que pretendan exercer no mesmo e necesiten formación especializada para iniciar, guiar e dar a coñecer os valores deste espazo, concienciar sobre a súa conservación e dinamizar grupos.

Deste xeito, recibirán coñecementos sobre as bases conceptuais e teóricas propias da función de guía na rede de Parques Nacionais e para analizar e comprender os principios teóricos da interpretación e a educación ambiental co fin de capacitar aos alumnos para o desenvolvemento das actividades necesarias para guiar a persoas ou grupos.

Perfís maioritarios

O perfil maioritario dos participantes está relacionado co sector turístico de forma directa ou indirecta: informadores en puntos de atención turística, guías de turismo, técnicos de concellos ou organismos vinculados ao sector, traballadores das navieiras que operan ao arquipélago, ou persoal da hostalería da contorna das illas.

En todo caso, tamén hai profesionais procedentes doutras disciplinas interesados en lograr a capacitación necesaria para especializarse na difusión dos principais valores das Illas Atlánticas.

Grazas a estes cursos, que se imparten na comunidade de forma ininterrompida desde o ano 2006, preto de 700 persoas con distintos perfís formativos e laborais están acreditadas xa como guías do Parque Nacional, o que lles permite traballar tanto para a administración como para empresas privadas do sector turístico, náutico e ambiental.

As Illas Atlánticas consolídanse ano tras ano como o parque nacional español que forma a máis guías especializados, un colectivo que supón un activo imprescindible para garantir o dobre obxectivo de protexer un espazo natural único e contribuír, á vez, a divulgar os seus principais valores entre veciños e visitantes a través da aposta polo turismo sostible.

De feito, o número de solicitudes recibidas mantén unha tendencia ascendente polo que, de entre todos os inscritos, seleccionouse aos 70 participantes nesta edición en base á orde de presentación da instancia, ao seu currículo e á relación entre a súa formación ou actividade profesional e o propio obxectivo do curso.

Cómpre lembrar tamén que a parte práctica da edición do ano pasado quedou en suspenso por mor da covid aínda que os alumnos tiveron a ocasión de completar a súa formación como guías especializados nas Illas Atlánticas o pasado mes de maio.

Contido e estrutura do curso

En canto ao contido do curso, a formación teórica centrarase en afondar en materias relacionadas coa lexislación correspondente e o Plan reitor de usos e xestión de Illas Atlánticas, aprobado a finais de 2018, e información relacionada coa fauna, a flora e o medio mariño dos catro arquipélagos, así como co patrimonio cultural, histórico e etnográfico ou as rutas existentes nas illas, incluíndo recomendacións para que as persoas con diversidade funcional teñan unha mellor experiencia.

A formación tamén inclúe unha parte de carácter xenérico sobre os espazos protexidos e a rede de parques nacionais, o uso público, turístico e as actividades de voluntariado neste tipo de lugares, outro módulo relacionado coa educación ambiental e a interpretación do patrimonio e unha unidade didáctica centrada no deseño e comunicación de mensaxes nas visitas guiadas interpretativas.

Cómpre lembrar que un dos principais obxectivos deste curso de formación de guías é outorgar aos participantes as ferramentas e recursos axeitados para proporcionar aos visitantes a información máis actualizada posible sobre aspectos como os servizos, a normativa ou a xestión deste espazo. Tamén se pretende concienciar aos asistentes da necesidade de conservación e protección dos valores do Parque Nacional das Illas Atlánticas, así como da importancia do labor dos guías profesionais na súa transmisión.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/06/2021