A Xunta publica hoxe o nomeamento como persoal funcionario de 263 profesionais que se acolleron ao proceso de funcionarización voluntaria

O Diario Oficial de Galicia publica a orde pola que se regula este procedemento

O proceso de funcionarización está previsto no Acordo de Concertación Social do Emprego Público de Galicia asinado entre a Xunta e os sindicatos CC.OO. e UXT en 2019

A Xunta xa publicou nas últimas semanas novas convocatorias pertencentes á segunda fase deste proceso de funcionarización
 

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2021

A Xunta vén de publicar o nomeamento como persoal funcionario de 263 profesionais que se acolleron ao proceso de funcionarización voluntaria posto en marcha pola Administración galega, e que agora transforman voluntariamente o seu vínculo laboral fixo en funcionarial.

Así se recolle nunha orde publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) pola que se regula o nomeamento como persoal funcionario do primeiro continxente de persoal laboral fixo que solicitou a funcionarización. Ao longo dos vindeiros meses irán tomando posesión sucesivos colectivos de persoal laboral fixo que tamén superaron o proceso.

En concreto, os profesionais que agora toman posesión como persoal funcionario de carreira pertencen ás categorías que se funcionarizan nos seguintes corpos da Administración Xeral: Corpo superior A1, escala xeral e de informática; Corpo de Xestión A2, escala xeral e de informática; o Corpo administrativo C1, escala xeral e de informática; o Corpo auxiliar C2; e a agrupación profesional de persoal subalterno.

Proceso de funcionarización

O proceso de funcionarización é un proceso de carácter voluntario que habilita ao persoal laboral fixo incluído no ámbito de aplicación do Convenio Colectivo Único do persoal laboral da Xunta que superou un proceso selectivo para ter esa condición de persoal laboral fixo, para adquirir a condición de persoal funcionario de carreira a través dun procedemento específico. Este proceso está previsto no Acordo de Concertación Social do Emprego Público de Galicia asinado entre a Xunta e os sindicatos CC.OO. e UXT en 2019.

O proceso que debe superarse para converterse en funcionario é o de concurso-oposición tal e como se establece no Estatuto do Empregado Público (EBEP). En todo caso, trátase dunha proba de características diferentes ás establecidas para un proceso selectivo ordinario pois non é un proceso competitivo como sucede nun proceso selectivo de acceso libre.

En consecuencia, este procedemento non ten por obxecto o acceso á Administración nin o ascenso de escala ou categoría, senón a transformación voluntaria en funcionarios dos traballadores que xa teñen unha praza fixa na Administración como persoal laboral fixo. É dicir, o persoal laboral fixo pode converterse en funcionario de carreira accedendo a unha escala equivalente á que actualmente ocupa.

A finalidade deste procedemento é unificar o réxime xurídico aplicable ao persoal que presta servizos na Administración da Xunta de Galicia, para eliminar así a disparidade de réximes xurídicos aplicables ao persoal e cumprir o principio xeral de que os postos de traballo nas administracións públicas deben ser desempeñados por persoal funcionario.

A Xunta vén de publicar nas últimas semanas novas convocatorias pertencentes á segunda fase do proceso de funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo da Administración autonómica. Trátase de prazas incluídas na Oferta de Emprego Público (OEP) de 2020 e 2021 para a súa funcionarización.
 

Data de actualización: 30/06/2021