As conselleiras de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e Política Social, Fabiola García, participaron no acto da Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego esta mañá en Santiago

A Xunta recibe o Premio Cegasal pola súa estreita colaboración cos centros especiais de Emprego

O Goberno galego reforzou o seu compromiso coa inserción laboral das persoas con discapacidade ao aumentar o orzamento destinado aos centros especiais de emprego, que ascende case a 20 millóns para financiar o emprego de 3.210 persoas traballadoras

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia recibiu esta mañá o premio que concede a Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego (Cegasal) pola súa estreita colaboración laboral cos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro. No acto, no que a entidade recoñece cada ano o labor de visibilización da economía social e da discapacidade realizado por Administracións, empresas e profesionais, participaron as conselleiras de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e Política Social, Fabiola García.
María Jesús Lorenzana aproveitou o evento para poñer en valor o papel dos centros especiais de emprego de Galicia como dinamizadores do emprego inclusivo. Asegurou que os premios representan “con fidelidade” os valores da economía social, entre os que se atopan a solidariedade e a cohesión social, e indicou que os 111 centros especiais que hai en Galicia son 111 portas para o acceso ao emprego. A conselleira de Emprego e Igualdade, ademais, apuntou que as persoas con discapacidade supoñen unha prioridade para a Xunta e, deste xeito, lembrou as accións polas que aposta o Goberno galego para este colectivo no eido do emprego como son a formación e os programas dirixidos a mellorar a súas oportunidades laborais.
Así, a titular de Emprego e Igualdade referiuse á recente ampliación do orzamento destinado á inserción de traballadores con discapacidade en centros especiais de emprego. Este programa conta con case 20 millóns de euros para financiar o emprego de 3.210 traballadores con discapacidade nestes centros. Así mesmo, lembrou que a Xunta activou un millón de euros para permitir a viabilidade de 20 empresas e asegurar 500 postos de traballo ocupados por persoas en risco de exclusión social ou con discapacidade.
“A economía social supón para Galicia un selo de identidade e calidade”, engadiu Lorenzana, quen recordou que esta fórmula de negocio xerou o pasado ano 125 novas entidades no territorio galego pese á covid-19.
Para rematar, a conselleira de Emprego e Igualdade destacou o traballo específico dos 32 centros especiais de emprego sen ánimo de lucro integrados en Cegasal “cunha implicación humana e social que vertebra a economía social que queremos para Galicia”, rematou.
Pola súa banda, desde a Consellería de Política Social salientouse a necesidade de continuar traballando e colaborando cos centros especiais de emprego para continuar co obxectivo de conseguir unha sociedade máis inclusiva e para ofrecer garantías de futuro aos que máis o precisan.
Durante o acto a conselleira de Política Social, Fabiola García, entregou o Premio Especial da Gala xunto co presidente de Cegasal, José Antonio Vázquez Freire, que foi para o xornalista responsable de Economía de El Correo Gallego, Santiago Riveiro.
Nesta edición os galardóns recaeron tamén no Concello de Carballo, a empresa conserveira Jealsa, no concelleiro compostelá José Javier Fernández e no xornalista Xaime Calviño.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/07/2021