A Xunta pecha hoxe o 1º grupo de oposicións no que se inscribiron máis de 46.700 aspirantes para 2.075 prazas de emprego público

O director xeral da Función Pública, José María Barreiro estivo en Amio, unha das sedes onde se celebra hoxe o exame de ordenanzas e subalternos da Administración galega

O director sinalou que nos últimos meses a Xunta veu desenvolvendo “oposicións seguras” que contan un protocolo avalado polas autoridades sanitarias

Explicou que se mobilizaron preto de 34.000 máscaras e máis de 230 litros de xel alcohólico

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2021

A Xunta pecha hoxe o primeiro grupo de oposicións que se viron afectadas pola pandemia da covid-19, e no que se inscribiron máis de 46.700 aspirantes para 2.075 prazas de emprego público.

Así o sinalou en Santiago, o director xeral da Función Pública, José María Barreiro, que se acercou esta mañá ao Recinto Feiral de Amio, unha das sedes onde se está a desenvolver o exame para ordenanzas e persoal subalterno da Xunta.

Desde o mes de marzo, a Consellería de Facenda e Administración Pública veu realizando múltiples procesos selectivos, aos que concorreron milleiros de aspirantes e que se puideron desenvolveron con total normalidade a pesar da pandemia.

José María Barreiro explicou que “son unhas oposicións seguras” pois contan cun protocolo avalado polas autoridades sanitarias que garante a realización das probas conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

Neste sentido, o director xeral subliñou que por primeira vez a Xunta empregou de xeito simultáneo sedes diferentes e con quendas sucesivas para a realización dos exames. Cada proba contou cun operativo de seguridade formado por unha media de 200 profesionais; e ademais mobilizáronse 33.660 máscaras e 232 litros de xel alcohólico en total.

Finalmente, José María Barreiro apuntou que “as oposicións son unha boa oportunidade” para que calquera persoa que cumpra os requisitos poida acceder a un posto de traballo de alta calidade na Xunta; e para que os empregados públicos que xa traballan na Administración galega con carácter temporal poidan consolidar os seus postos.

Exame ordenanzas e subalternos

Ao longo do día de hoxe estanse a desenvolver as oposicións para acceder a 208 prazas da agrupación profesional (AP) e ordenanzas da Administración Autonómica. Dos procesos selectivos afectados pola pandemia da covid-19, este é o proceso ao que concorre un maior número de aspirantes, preto de 14.400.

Os exames realízanse en quendas sucesivas de mañá e tarde e de forma simultánea en tres sedes distintas: o recinto feiral de Amio en Santiago de Compostela, o recinto da Feira internacional de Silleda en Pontevedra, e o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Ademais, un operativo formado por 214 persoas controla que todo o proceso selectivo se desenvolva correctamente e con seguridade.

A pandemia do coronavirus e as restricións establecidas para controlar a súa evolución obrigaron a adaptar as formas e secuencias de celebración das probas para garantir a súa realización coa maior seguridade posible. Por esta razón, a Xunta convocou a realización dos exames logo de que as autoridades sanitarias autorizaran a súa celebración seguindo protocolos que garanten o seu desenvolvemento con todas as garantías sanitarias.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/07/2021