O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade participa na presentación do currículo da nova materia, elaborado por un grupo de expertos docentes e universitarios

A Xunta implanta a Intelixencia Artificial no sistema educativo galego o próximo curso cun enfoque práctico aplicado á resolución de problemas

Os centros poderán ofertar esta materia como Libre Configuración Autonómica para o alumnado de 1º curso de Bacharelato, e contará cunha carga lectiva de 2 horas semanais

Román Rodríguez sinala que o sistema educativo galego avanza na transformación dixital coa incorporación de novas estratexias docentes e técnicas pedagóxicas que permitan abordar os retos tecnolóxicos de futuro

Impleméntase a Intelixencia Artificial cun enfoque transversal en todas as etapas educativas así como con currículos específicos no caso do Bacharelato e cos novos másteres de FP para a especialización en áreas tecnolóxicas de alto valor engadido

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2021

O sistema educativo galego vai incorporar o vindeiro curso a Intelixencia Artificial (IA) como Materia de Libre Configuración Autonómica nos centros públicos, dirixida ao alumnado de 1º de Bacharelato e cunha carga lectiva de dúas horas á semana, co obxectivo de proporcionar ao alumnado un primeiro achegamento á IA a través dun enfoque eminentemente práctico.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez participou hoxe na presentación do currículo desta nova materia coa que se enriquece o catálogo de libre configuración composto ata o de agora por un total de 25 materias nas que o curso pasado estaban matriculados preto de 30.000 alumnos.

Román Rodríguez explicou que o “reto de futuro” do sistema educativo para os vindeiros anos é “o reto do coñecemento, da innovación e da transformación dixital” para o cal o Goberno galego está perfilando un conxunto de accións específicas que quedarán plasmadas na Estratexia Educación Dixital 2030 que se está a piques de pechar e que abrangue a incorporación de estratexias docentes e a introdución de novas técnicas pedagóxicas enfocadas á transformación dixital.

Precisamente un dos ámbitos de actuación máis salientables é a incorporación da Intelixencia Artificial cun enfoque transversal en todas as etapas educativas desde a base do sistema en Primaria ata a universidade e o deseño de currículos específicos para as etapas superiores, entre os que se inclúe esta nova materia de Intelixencia Artificial para Bacharelato.

Segundo subliñou o conselleiro, esta materia abordarase “cun enfoque eminentemente práctico, onde os estudantes aprenda a programar sistemas intelixentes e testar o seu funcionamento real a través da metodoloxía de ‘aprender facendo´ que xa vimos impulsando cos espazos maker nos centros escolares e que imos reforzar cos polos tecnolóxicos en todos os centros educativos”, abondou.

Román Rodríguez referiuse tamén á recen aprobada oferta de Formación Profesional, coa implantación dos másteres de FP para que os estudantes se especialicen en profesións de alto valor engadido e en áreas de futuro como as redes 5G, a intelixencia artificial e big data ou a ciberseguridade.

Currículo da materia

Os centros educativos van ter a súa disposición a materia de Iniciación á Intelixencia Artificial para o alumnado de 1º de Bacharelato, cun currículo organizado en tres bloques que son a introdución conceptual e histórica aos elementos básicos da Intelixencia Artificial, a descrición e solución de problemas concretos das catro áreas principais da IA (percepción e actuación, aprendizaxe automática e representación e razoamento), e un terceiro bloque centrado en ética, aspectos legais e sustentabilidade.

A través do currículo -elaborado por un grupo de traballo de expertos docentes e especialistas universitarios na materia- o que se busca é que os estudantes comprendan os sistemas baseados na Intelixencia Artificial, que sexan capaces de desenvolver solucións a problemas concretos empregando as ferramentas docentes dispoñibles e que tamén afonde na reflexión e o debate sobre como repercute na sociedade, sobre todo no que atinxe a aspectos éticos e legais.

Grupo de expertos

Na presentación desta nova materia interviron Francisco Javier Bellas, experto en Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña, e María Jesús Casado, profesora de matemáticas do IES Daviña Rei de Monforte e coordinadora TIC. Ambos forman parte do grupo de expertos en Intelixencia Artificial creado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade para o deseño da estratexia de IA no sistema educativo galego.

Ademais deles, este grupo de traballo está integrado tamén por especialistas do eido universitario como Senén Barro (da Universidade de Santiago de Compostela) e Florentino Fernández (da Universidade de Vigo).

No ámbito docente participan Xosé Viñas (profesor do IES David Buján de Cambre, integrante do Proxecto Dixit para a elaboración de materiais para E-Dixgal, en coordinación con Amtega) e Concepción Fernández (profesora de formación do CAFI e responsable da Aula Nova-Space Maker).

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/07/2021