Mar Pereira insiste no Parlamento de Galicia na necesidade de que o Estado se coordine coas CC AA para evitar que áreas rurais queden fora dos obxectivos de banda larga

A directora da Amtega comparece ante a Comisión de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo e asegura que a Xunta fai un seguimento permanente dos despregamentos derivados dos plan autonómicos dende o inicio da extensión ata 10 anos despois do comezo da súa explotación

Lembrou, así mesmo, que a Xunta trasladou ao Goberno de España a necesidade de non esquecer a realidade e dificultades específicas dun territorio cunha poboación dispersa e eminentemente rural como Galicia para o reparto dos 4.300 millóns cos que conta para o despregamento de banda larga

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2021

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, expresou hoxe ante a Comisión de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento galego a necesidade de que o Estado se coordine coas Comunidades Autónomas para lograr que os fondos comunitarios se empreguen para asegurar os obxectivos europeos de conectividade con banda larga no rural. Mar Pereira defendeu o modelo de colaboración entre administracións para que “a transformación dixital non deixe de lado a unha parte do noso territorio e da nosa sociedade”.

Os fondos comunitarios permitirán que o Goberno dedique una dotación orzamentaria de máis de 4.300 millóns de euros ao Plan para a Conectividade e as Infraestruturas Dixitais para a Cohesión do que forma parte o Programa de Universalización das Infraestruturas Dixitais (UNICO) para o logro dos obxectivos establecidos pola UE. En 2025, toda a poboación comunitaria debería contar con cobertura de 100Mbps. Ademais, deberán dotarse aos principais motores económicos de 1 Gbps e estender as novas redes 5G en vías de transporte e cidades.

Sobre a parte deses fondos que se deben asignar a actuacións en Galicia, a Xunta trasladou ao Estado que, para o logro dos obxectivos, ten que ter en conta a realidade galega, que presenta unhas dificultades específicas derivadas da dispersión da poboación en núcleos moi pequenos. Galicia ten o 40% dos núcleos de poboación de toda España, e o 90% deles conta cunha poboación de menos de 100 habitantes. A media de poboación por núcleo en Galicia é o máis baixo de España, con 89 habitantes, fronte aos 761 da media española.

A proposta de colaboración da Xunta refírese ao logro dos obxectivos a través da execución dos fondos, pero tamén da cooperación no seguimento dos compromisos de execución e calidade do servizo que deben cumprir os operadores de telecomunicacións beneficiarios de axudas públicas.

A directora da Amtega interveu na Comisión parlamentaria para dar resposta a unha pregunta do grupo socialista sobre o control por parte da Xunta dos contratos de despregamento de fibra óptica adxudicados ás operadoras nos concellos de Galicia é, concretamente, no de Gondomar, na provincia de Pontevedra.

Mar Pereira informou de que o contrato de despregamento que Telefónica está a levar a cabo no concello de Gondomar forma parte do “Programa de Extensión de Banda Ancha” (PEBA) do Goberno central, e non do Plan 2020 da Xunta de Galicia. Neste sentido, lembrou que a Secretaría de Estado de Telecomunicacións é o órgano encargado da subvención concedida a Telefónica neste caso e, polo tanto, é tamén responsable do seguimento e control da actuación.

Nos despregamentos derivados dos plans da Xunta, condicionados e limitados na actualidade pola necesidade de autorización por parte do Estado, a Amtega realiza un exhaustivo seguimento de control, tanto na fase de despregamento, como durante a explotación da rede. Na primeira fase, o seguimento é mensual, para asegurar o cumprimento en forma e prazo dos compromisos. Durante os 10 anos seguintes, a Xunta realiza tarefas de control trimestrais e semestrais para monitorizar o correcto funcionamento da rede.

Durante a súa comparecencia, Mar Pereira lembrou que, no primeiro Plan de Banda Larga, cando o Goberno galego puido dispoñer de máis de 100 millóns de euros, Galicia foi das primeiras rexións europeas en impulsar o despregamento de redes de nova xeración. Estas actuacións permitiron reducir a 7 puntos o diferencial coa media estatal en redes de 100 Mbps en 2015. A partir dese ano, a centralización da execución dos fondo Feder para o despregamento de banda larga no Ministerio competente levou a un aumento na fenda con Estado ata os 15 puntos en 2020.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/07/2021