A Xunta licita por máis de medio millón de euros as obras do novo edificio do Centro de Fauna no Veral

Con esta actuación, cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), búscase renovar as actuais instalacións ante o deterioro que presentan nestes momentos parte das edificacións que integran o complexo

O prazo estimado para completar a execución destes traballos é de nove meses
 

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de licitar por un orzamento base de 504.173,35 euros, IVE incluído, a construción dun novo edificio para albergar o Centro de recuperación de fauna silvestre (CRF) do Veral, en Lugo.

O obxecto da actuación, cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa Operativo Galicia 2014-2020, é acometer unha renovación completa das actuais instalacións ante o estado de deterioro que presentan unha parte das mesmas. A tal fin, construirase un novo centro na mesma parcela que ocupa o actual CRF cun prazo de execución previsto de nove meses.

O contrato inclúe tamén a demolición de varias edificacións; en concreto, a caseta da actual oficina e as instalacións destinadas a azoreiras e mudas. As edificacións que se van demoler están mal conservadas e non son arquitectura tradicional.

En todo caso, existe tamén algún edificio en bo estado e un de recente construción que se conservarán e integrarán coas novas dependencias. Trátase da zona de especies acuáticas con estanque, unha cámara de voo que permanece illada, tres cámaras de voo mais pequenas que se reformarán para incorporalas á edificación principal e un edificio illado destinado actualmente a cociña e almacén, que se manterá como zona de baldeo.

Cómpre subliñar que as instalacións que conforman o actual CRF do Veral, no lugar do Carballido, foron construídas en diferentes momentos a medida que cambiaban e crecían as necesidades do complexo, o que explica por que, a día de hoxe, as edificacións que o compoñen presentan diferentes estados de conservación e carecen dunha boa conexión entre elas, dificultando as condicións de traballo e a organización.

Por este motivo a Consellería decidiu acometer a construción dun novo edificio que permita conectar todas as dependencias destinadas aos animais e, á vez, dote ao centro dunhas instalacións administrativas acordes coas súas necesidades.

Así, o proxecto construtivo que vén de licitar estrutura o edificio principal en dous módulos; un administrativo, no que se realizará a recepción dos animais, o tratamento e a atención veterinaria; e outro para a recuperación inicial dos exemplares e os servizos de atención. Este último distribuirase nunha cámara para mamíferos, unha cámara de voo, seis azoreiras, tres salas de mudas, tres estancias para nocturnas, un almacén, unha sala para necropsias e as tres cámaras de voo xa existentes, que se conservan parcialmente.

Ademais, o futuro centro contará cun túnel de voo —unha zona libre para voar, valada en todo o seu perímetro e cuberta con malla metálica— para facilitar que as aves recuperadas poidan practicar antes de devolvelas ao medio natural. A zona de acuáticas existente conservarase e complementarase con dúas piscinas, aínda que o actual valado será modificado no lugar onde se encontra co recinto das piscinas, para darlle acceso directo.

Catro CRF en toda Galicia

Os Centros de recuperación de fauna xestionados pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda teñen como fin o coidado e restablecemento dos exemplares de fauna silvestre autóctona que no estean en condicións de subsistir por si sos no medio natural. A prioridade é devolver a estes animais ao seu hábitat ou, cando non sexa posible, integralos en programas de conservación ex situ ou de educación ambiental.

Actualmente existen catro centros deste tipo na Comunidade, un por cada provincia: o CRF de Santa Cruz (Oleiros); o CRF Alto do Rodicio (Maceda); o CRF de Carballedo (Cerdedo-Cotobade); e o CRF do Veral (Lugo).
 

Data de actualización: 09/07/2021