Conde destaca o bo comportamento da industria forestal galega, que encara agora os retos da bioeconomía e a economía circular

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou na presentación do estudo elaborado pola Universidade de Vigo e o Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre os datos da cadea de valor da industria forestal-madeira

Precisa que en 2020 o sector volveu acadar a cota dos 2000M€ de facturación e que o consumo se reactivou de forma rápida, unha tendencia que, de manterse, ata finais de ano, permitiría recuperar cifras previas á pandemia

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2021
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe o bo comportamento que mantivo no último ano a industria forestal de Galicia, que encara agora os retos da bioeconomía e a economía circular. Segundo apuntou, en 2020, a pesar do impacto da pandemia, este sector tivo un mellor comportamento do esperado en termos de facturación e consumo.

Na presentación do estudo elaborado pola Universidade de Vigo e o Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre os datos da cadea de valor da industria forestal-madeira, Conde precisou que en 2020 o sector volveu acadar a cota dos 2000 millóns de euros de facturación e que o consumo se reactivou de forma rápida. Unha tendencia, engadiu, que de manterse ata finais de ano, permitiría recuperar cifras previas á pandemia. De feito, indicou que en ámbitos como a industria da madeira e a cortiza, ou na fabricación de mobles, se está a rexistrar un incremento de produtos e prezos á alza, con subas de entre o 17 e o 18 por cento.

No marco dos fondos Next Generation, o vicepresidente económico destacou que o obxectivo da Xunta será desenvolver cadeas de valor na industria forestal que impulsen a innovación para facer unha xestión sustentable dos montes galegos e incrementar a competitividade do sector. Unha xestión forestal, engadiu, que ten que ter en conta a biodiversidade, a bioeconomía e a economía circular porque, en plena transición ecolóxica, contribuirá, tamén, ao desenvolvemento do rural e á creación de emprego.

Nese sentido, lembrou que os proxectos vinculados ao forestal que Galicia vai presentar para optar a estes fondos inciden nestes obxectivos: promover unha xestión sustentable dos bosques galegos, cun investimento de 1140 millóns de euros e a creación dunha fábrica de fibras téxtiles a partir de celulosa; e impulsar a construción en madeira a través do programa Techmadeira, que mobilizará 38 millóns de euros.

Segundo dixo, son obxectivos que a Administración galega leva apoiando desde hai tempo con axudas para investimentos tecnolóxicos nas empresas, para a valorización de produtos a través da innovación e para a formación. Nesta liña, subliñou que este ano a Xunta espera que se beneficien destas axudas máis de 165 empresas, 10 asociacións e máis de 1500 profesionais, cunha mobilización de 40 millóns de euros.

Data de actualización: 12/07/2021