O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, respondeu hoxe a varias preguntas no Pleno do Parlamento

A Xunta defende a continuidade da biofábrica de Ence na ría de Pontevedra por ser a única opción para evitar o peche da planta

Conde considera que a proposta de buscar unha ubicación alternativa é inviable porque resulta imposible replicar a mesma tecnoloxía noutro lugar de Galicia, tal e como vén manifestando a empresa

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, considerou hoxe que a proposta de buscar unha ubicación alternativa á biofábrica de Ence na ría de Pontevedra é inviable porque resulta imposible replicar a mesma tecnoloxía noutro lugar de Galicia, tal e como vén manifestando a empresa. Por iso, defendeu a súa continuidade no emprazamento actual por ser a única opción para garantir o mantemento da actividade e o emprego.

En resposta a unha pregunta no Pleno do Parlamento, Conde asegurou que, en aplicación da legalidade vixente, os datos obxectivos e técnicos reflicten que a factoría de Lourizán é unha industria segura para o medio ambiente e para as persoas. Todas as industrias que operan en Galicia, abondou, están sometidas a unha rigorosa normativa e ao control estrito do seu cumprimento, tanto desde o punto de vista medioambiental como da seguridade industrial.

Segundo dixo, a Xunta está a velar polo escrupuloso cumprimento dos requirimentos ambientais que establece a lexislación e polo cumprimento da Autorización Ambiental Integrada, outorgada polo bipartito en 2008. E a factoría de Lourizán está sometida á subministración de información periódica sobre o cumprimento destes parámetros e a un estrito réxime de inspeccións periódicas.
Conde destacou que do futuro de Ence dependen case 250 empresas de Pontevedra e boa parte dun sector estratéxico para Galicia como é o forestal. A comunidade galega, sinalou, é a primeira potencia en España e a novena en Europa e, en 2020 vén de acadar os 9 millóns de metros cúbicos de madeira aproveitada; un gran motor para o medio rural, do que dependen máis de 18.600 empregos.
 

Data de actualización: 14/07/2021