A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou na inauguración do 21º Congreso Aecoc dos produtos do mar

A Xunta apela á unidade do sector do mar para adaptarse aos cambios derivados da pandemia e avanzar na recuperación

O Executivo galego agradece o esforzo realizado polo complexo mar-industria de Galicia durante a pandemia e lembra que este ano incrementou un 28% o seu orzamento para mellorar a comercialización dos produtos do mar

Rosa Quintana subliña que a Administración galega seguirá apoiando aos profesionais do mar con accións como unha nova campaña de comunicación para fomentar o consumo de peixes e mariscos así como a celebración dun foro en setembro no que distintos expertos analizarán a relación entre o consumo de peixe e unha vida sá

Baiona (Pontevedra), 14 de xullo de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na inauguración do 21º Congreso Aecoc dos produtos do mar onde destacou a importancia deste sector durante a crise sanitaria polo coronavirus e apelou a seguir traballando unidos para adaptarse rápido aos cambios derivados da pandemia e avanzar cara á recuperación mantendo a competitividade.
A titular de Mar incidiu en que a unidade é fundamental en momentos de dificultades e que ese foi un dos sinais de identidade do complexo mar-industria galego durante a alerta sanitaria, o que lle permitiu seguir ofrecendo alimentos de calidade á cidadanía e cumprindo co seu papel de sector esencial.

“O sector marítimo-pesqueiro foi un exemplo de traballo, responsabilidade, esforzo e sacrificio e por iso buscamos desde o primeiro momento estar do lado do sector e dos seus profesionais”, salientou Rosa Quintana. Neste sentido, lembrou a posta en marcha por parte da Xunta de campañas para impulsar o consumo de produtos do mar así como o plan Avantemar, que puxo en 2020 a disposición das empresas e dos traballadores da cadea mar-industria 77 millóns de euros para apoialas en distintos eidos.

A representante do Executivo galego tamén subliñou a importancia de impulsar a recuperación apoiando ao sector. Nesta liña, engadiu, a Consellería do Mar incrementou un 28% o seu orzamento en 2021 para a mellora da comercialización dos produtos do mar coa finalidade de que o sector poida adecuarse aos novos formatos demandados pola sociedade no contexto da alerta sanitaria pola covid-19.

A conselleira do Mar resaltou a transcendencia do sector marítimo-pesqueiro para Galicia en termos económicos e laborais e avogou por fomentar a transparencia e a mellora da comunicación en positivo dos produtos do mar para impulsar a súa actividade. Neste sentido, recordou que se trata de algo fundamental para animar as vendas do sector e fomentar o consumo dos peixes e mariscos entre a cidadanía.
Por iso, o Executivo galego vai realizar distintas accións no segundo semestre do ano coa finalidade de difundir a valía do sector e dos seus produtos. O primeiro deles, explicou a titular de Mar, será unha nova campaña de comunicación que permita acercar os produtos do mar á sociedade de forma fresca e novidosa enxalzando os seus valores culinarios e alimentarios animando ao seu consumo de xeito habitual.
A ela sumarase a celebración en setembro dun foro para explicar a capacidade dos peixes e mariscos para influír na saúde dos consumidores así como a relación entre o peixe, a gastronomía e a sustentabilidade. Este evento, que conta coa colaboración da Fundación Dieta Atlántica e a Universidade de Santiago de Compostela contará con profesionais de primeiro nivel en distintos eidos como a sanidade e a alimentación saudable.
“Necesitamos darlle valor aos nosos produtos incluíndo retos como a sustentabilidade e a loita contra o cambio climático pero recoñecendo o papel clave que os peixes e mariscos teñen na nosa dieta e na nosa saúde pola súa gran capacidade como elemento alimentario fundamental”, subliñou Rosa Quintana.

O evento

A Asociación de Fabricantes e Distribuidores (Aecoc) celebra o seu 21º congreso de produtos do mar co obxectivo de ser a cita de referencia das máis de 30.000 empresas socias da entidade, entre as que se atopan representantes de todos os elos da cadea de valor, desde o sector primario ata a industria, a distribución e os operadores intermedios. A finalidade é mellorar a competitividade de toda a cadea de valor compartindo solucións e analizando os retos aos que se enfronta o mercado en cada momento.

Precisamente, a conselleira do Mar salientou a importancia deste encontro que se viña celebrando de xeito ininterrompido todos os anos e que en 2020 tivo que suspenderse como consecuencia da alerta sanitaria polo coronavirus. Rosa Quintana agradeceu o esforzo realizado pola organización para retomar o congreso malia as dificultades actuais e que volvese elixir un ano máis a Galicia como a súa sede.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 14/07/2021