O conselleiro do Medio Rural participou no Consejo Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios e na Conferencia Sectorial de Agricultura y Desarrollo Rural

A Xunta acada o compromiso do Goberno central de regularizar as superficies de Galicia con dereitos de axuda da PAC

Desta forma, conséguese un compromiso dunha reclamación histórica da nosa Comunidade que permitirá que agricultores e gandeiros que teñen superficies elixibles poidan percibir axudas por estes terreos

Nesta primeira xuntanza tamén se conseguiu un importante incremento nas axudas asociadas ao vacún de leite, que para o conxunto do Estado ese incremento ascende a máis de 28 millóns de euros anuais para o novo período

Madrid, 14 de xullo de 2021

A Xunta acadou esta tarde o compromiso do Goberno central de regularizar a superficie de Galicia con dereitos de axuda da PAC, unha reclamación histórica que permitirá que agricultores e gandeiros galegos poidan cobrar achegas por terreos elixibles (aqueles declarados) que ata o de agora non percibían. Falamos dunha importante superficie agrícola, arredor de 100.000 hectáreas, que posibilitará que Galicia deixe de ter un diferencial negativo de ata 30 puntos porcentuais respecto da media nacional canto a superficie con dereitos, posto que esta regularización suporía un 30% adicional á superficie que actualmente cobra as achegas da PAC. Ademais, xunto cos instrumentos que está a impulsar a nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, fomentarase o fortalecemento da superficie agraria útil de Galicia.
En declaracións aos medios, o conselleiro tamén destacou que na Conferencia Sectorial de Agricultura y Desarrollo Rural desta tarde tamén se conseguiu un importante incremento nas axudas asociadas ao vacún de leite, que para o conxunto do Estado ese incremento ascenderá a máis de 28 millóns de euros anuais para o novo período. Unha cifra que será repartida entre as comunidades autónomas e das que Galicia se verá beneficiada, dado o seu peso neste sector, cuns 11,8 millóns de euros anuais de incremento.
En termos xerais, o titular de Medio Rural asegurou que todas as comunidades acordaron seguir traballando e perfilando o novo modelo da PAC, pero González valorou que o Goberno se comprometese a que Galicia partirá co mesmo volume de fondos para os agricultores e gandeiros galegos que no anterior período de execución, que poderá ser incrementado en vindeiras negociacións. Unha cuestión fundamental para o sector primario galego, o cal representa a quinta economía agraria do Estado.
Doutra banda, o conselleiro valorou que o ministro se comprometese a traballar e definir os ecoesquemas e que se celebre unha nova conferencia sectorial previsiblemente no outono, na que se teñan en conta as peculiaridades da Cornixa Cantábrica. Ademais, González insistiu en que nesta primeira xuntanza de negociacións o Ministerio valorou a posición de Galicia no documento de traballo para a configuración do Plan Estratéxico e houbo moi boa sintonía entre as comunidades para acadar un documento que beneficie a todos.
O conselleiro volveu a reiterar que a prioridade do Goberno galego é a defensa dos intereses dos agricultores e gandeiros de Galicia, e seguirase traballando para que o novo modelo da PAC se asemelle o máximo posible ao da agricultura e gandaría da Cornixa Cantábrica e polo tanto ao de Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/07/2021